'Ramonas on tour' espallará o feminismo a través do rock

Pontevedra e Vigo iniciarán a xira organizada pola Deputación e que despois se estenderá ao resto da provincia

Patricia Moon e Area ofreceron un pequeno adianto do concerto no hall do pazo provincial. GONZALO GARCÍA
photo_camera Patricia Moon e Area ofreceron un pequeno adianto do concerto no hall do pazo provincial. GONZALO GARCÍA

A xira 'Ramonas on tour' desembarcará na Porta do Sol de Vigo o venres 15 e na Praza da Ferrería de Pontevedra o venres 22. Nas dúas cidades, a programación comezará ás 10.00 horas, momento a partir do cal se poderá visitar a exposición sobre a muller no mundo da música e sobre a Comandanta Ramona e as zapatistas, que estará aberta ata a medianoite. Tamén ás dez da mañá comezarán os obradoiros sobre relacións tóxicas e igualdade, destinados ao alumnado de terceiro e cuarto de ESO.

Ás 11.30 horas haberá unha proba de son a modo de concerto didáctico coas Ramonas dirixida ao alumnado de todos os cursos de ESO e xa pola tarde, ás 19.00 horas, comezarán as conversas "Nunca máis sen nosoutras", sobre a muller na industria cultural.

No caso de Pontevedra, as convidadas serán Cristina V., directora do festival Ribeiro Son de Viño; Cristina García, de Esmerarte, e a pianista Noemí Salomón; mentres que na cidade olívica participarán a música Belén Lamas, a artista gráfica Lupita Hard e Marcia Vázquez, da Asociación 85C.

Ás 22.30 horas serán os concertos de Ramonas enfocados ao público xeral. En Vigo levarán de convidadas a Linda Lamarr (Belén Lamas), Coral Alonso, Seilaesencia e Area e na capital as convidadas aínda están por confirmar.

Para ir abrindo boca, onte tivo lugar un adianto da actuación no Pazo Provincial a cargo dunha das integrantes da banda, Patricia Moon, e de Area.

"Este é un proxecto extraordinario, revolucionario, potente e intelixente para reivindicar a necesidade de reconstruír un mundo que non conta connosco. As mulleres estarán á fronte, nun espazo libre de agresións e de abusos", destacou a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

'Ramonas on tour' é unha das principais actividades incluídas na axenda cultural que a institución provincial puxo en marcha ao abeiro da folga feminista do 8 de marzo e, despois do seu paso por Pontevedra e por Vigo, percorrerá o resto da provincia.

O espectáculo está baseado en dous fitos: "a aprobación en 1993 da Lei Revolucionaria de Mulleres impulsada polas zapatistas lideradas pola comandanta Ramona" e "o manifesto 'Riot Grrrl' que apareceu publicado no fanzine Bikini Kill, o nome da banda liderada por Kathleen Hanna", aclarou Silva.