Rapaces graffiteiros por uns días

Natureza e arte xúntanse nunha terceira edición do programa Ponteverán, en colaboración coa organización Vaipolorío, para adornar e integrar as infraestructuras que afean o terreo da contorna do río Gafos
Rapaces dando cor e vida a unha tubaxe no río Gatos. GONZALO GARCÍA
photo_camera Rapaces dando cor e vida a unha tubaxe no río Gatos. GONZALO GARCÍA

Case unha ducia de rapaces e rapazas -con idades comprendidas de entre doce e dezaseis anos- remataron onte de pintar algúns dos inmobles que "afean" a harmonía natural do río dos Gafos.

A proposta artística, traída do programa do Concello Ponteverán, rematou este venres coa rapazada dando cor e vida a dous elementos da parroquia de Tomeza: unha caseta e unha tubaxe que pasa por riba do río, as cales, xa locen "integradas" na contorna grazas aos detalles en tons verdes que simulan herbas altas e grandes árbores.

O que comandaba a práctica era o ben coñecido artista urbano O"Ras. Para el xa é o terceiro ano que colabora con esta proposta, sumando ao seu currículum "15 anos ensinando a chavales" como mestre desta disciplina.

Para este profesor de arte na rúa e os seus aprendices fora o último día da ruta, na cal tamén estaba implicado o colectivo ecoloxista Vaipolorío.

Á xornada tamén asistiu o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, que, ademáis de aproveitar para falar cos estudantes, indicou que "este ano a actividade foi todo un éxito". "Houbo tanta petición que tivemos que sortear as prazas", conta o concelleiro do BNG referíndose á gran demanda que tivo esta actividade.

Os rapaces, pola súa banda, expresaron o seu entusiasmo pola iniciativa e pediron ao concelleiro que houbera máis actividades coma esta ao longo do ano. O creador, O"Ras, ante esta solicitude dixo en ton humorístico: "Téñoos ben educados".

Algún dos rapaces aproveitou para confesar que a proposta é atractiva porque "podemos facer cousas atípicas como pintar paredes da rúa".

Risas, arte e socialización concluíron esta actividade "atrevida" para os máis mozos. Pero non é a única, posto que, a dendrocronoloxía -ou a datación dos aneis das árbores- e a observación dos morcegos, é toda unha tendencia entre as propostas do verán nas que se tivo que aumentar o aforo.

Comentarios