A raposa Luli, contra o sedentarismo dos nenos pontevedreses

Un proxecto de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela propón actividades para fomentar o exercicio entre as familias con cativos de menos de seis anos

Presentación do proxecto, este martes, na sala de prensa do Concello, e unha imaxe da raposa Luli (arriba á dereita). DP
photo_camera Presentación do proxecto, este martes, na sala de prensa do Concello, e unha imaxe da raposa Luli (arriba á dereita). DP

Un grupo de estudantes da USC propón rachar co sedentarismo entre os máis pequenos en tempos de pandemia. O seu proxecto foi presentado este martes no Concello de Pontevedra e busca promover a actividade física entre as familias con nenos e nenas de entre cero e seis anos coa axuda da raposa Luli, o personaxe que propón actividades lúdicas en espazos públicos da cidade. Este é un proxecto que busca que os pequenos desenvolvan a súa expresión e a motricidade, pero non son só actividades para os nenos, están pensadas para que toda a familia comparta tempo de calidade xunta, explicaba unha das alumnas da USC que participan na iniciativa, Luján Campos.

Baixo o nome As aventuras de Luli, o proxecto traducirase na publicación de vídeos, un á semana, nos que a mascota da iniciativa, Luli, proporá superar unha serie de probas en espazos da cidade de Pontevedra. Estes retos inclúen bailes, exercicios de comunicación ou de expresión. Como recompensa, Luli entregará unha chapa ou insignia en cada lugar no que os pequenos superen o reto.

O proxecto foi presentado por tres dos seus creadores, os estudantes Nerea Couceiro, Pablo Gayo e a propia Luján Campos, acompañados polo concelleiro de Educación, Tino Fernández. Segundo explicaron os alumnos da USC, trátase dunha proposta enmarcada na metodoloxía educativa ApS (Aprendizaxe Servizo), consistente en traballar e aprender os contidos da materia á vez que se presta un servizo á comunidade. Do mesmo xeito, os mozos sinalaron o traballo doutra das integrantes do grupo de traballo, Katia Porto, que deseñou a Luli.

O material para participar nos xogos será distribuido polos centros educativos da cidade, tal e como apuntou Tino Fernández no acto deste martes. E é que os datos corroboran que a pandemia repercutiu negativamente na realización de actividade física e na comunicación dos máis pequenos. Segundo unha enquisa realizada dentro do mesmo proxecto, os docentes consideran que o confinamento afectou ás relacións sociais, especialmente á habilidade para expresarse con xestos faciais, entre os máis cativos.

Comentarios