lunes. 30.11.2020 |
El tiempo
lunes. 30.11.2020
El tiempo

Raquel Rodríguez: "A Casa de Colón en Poio é un referente a nivel mundial"

Familiares dos homenaxedos xunto a Raquel Rodríguez e Pedro Martín na Casa Museo de Colón. GONZALO GARCÍA
Familiares dos homenaxedos xunto a Raquel Rodríguez e Pedro Martín na Casa Museo de Colón. GONZALO GARCÍA
A Concelleira de Cultura presidiu onte un acto conmemorativo moi emotivo no que se nomeou III Coloniano de Honra a Xosé Espiño Matos

A emoción era palpable no acto central do programa conmemorativo do X aniversario da Casa Museo de Colón, situada en Portosanto (Poio), que se celebrou durante o mediodía de onte no lugar. A pesar de que tivo que estar moi acotado por mor das restricións sanitarias, o Concello de Poio non quixo deixar de lembrar unha data tan sinalada no calendario do municipio, na que se recoñeceu como III Coloniano de Honra ao sacerdote Xosé Espiño Matos, ademais de homenaxear de xeito póstumo a tres persoas que tiveron grande relevancia no estudo da teoría da orixe galega de Cristóbal Colón, como son Xosé Lois Vila Fariña, Frei Jerónimo e Manuel Modesto Doval.

A Concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, presidiu o acto xunto co presidente da Asociación Galicia Histórica, Pedro Martín. Rodríguez non dubidou en destacar a necesidade de "poñer en valor este patrimonio que temos en Poio, xa que a casa natal de Colón é un referente a nivel mundial". A Concelleira afirmou que "é vital apoiar a teoría para os que cremos que Colón naceu e se criou aquí" e mostrouse "moi contenta" por nomear coloniano de honra a Xosé Espiño mediante a entrega da estatua conmemorativa á familia, posto que "fixo unha labor imprescindible en canto á difusión da teoría", e de homenaxear a outras tres persoas a título póstumo na compañía dos seus familiares, que protagonizaron os momentos de máis emoción ao longo do acto, e recolleron as placas conmemorativas.

HOMENAXES. O sacerdote Xosé Espiño Matos, nomeado onte III Coloniano de Honra, está xubilado dende o ano 2015, despois de máis de 65 anos de servizo relixioso. Segundo a organización do evento, o título recaeu nel ao cumprir con "todos os valores para merecer este recoñecemento", sendo un dos grandes defensores da teoría da orixe galega de Colón. Espiño Matos é o autor do libro Cristóbal Colón: Quinto almirante da casa de Soutomaior, parente dos Deza, Mendoza e outras cases nobres. Natural de Pontevedra. Descubridor de América. A obra, editada no ano 2004, afonda nesta teoría. O presidente da Asociación Galicia Histórica, Pedro Martín, definiu a Xosé Espiño Matos como "un home culto, erudito e defensor acérrimo do patrimonio no Camiño de Santiago, que desenvolveu unha labor impagable en no eido relixioso, histórico e cultural". 

A cita tamén recoñeceu, a título póstumo, a labor de tres personalidades vencelladas á teoría do Colón galego. No caso de Xosé Lois Vila Fariña, considerado o cronista oficial de Vilanova de Arousa dende 2007 e falecido en 2018, foi o autor da publicación Cristóbal Colón e Galicia, editada en 2009, e que recolle a labor de documentación que o autor desenvolveu a través da biblioteca do Mosteiro de Poio. Ademais, colaborou estreitamente con Alfonso Philippot na consolidación da teoría do Colón galego de Portosanto.

Pola súa banda, o pai Elicio-Jerónimo López foi unha das figuras máis importantes do Mosteiro de San Xoán ata o seu finamento a principios de 2018. A súa foi unha labor clave no que á conservación e divulgación da historia de Poio se refire, sendo director da biblioteca do Mosteiro durante moitos anos. A súa humanidade, respecto e coñecementos son valores que se tiveron moi en conta á hora de homenaxealo.

Por último, tamén se lembrou a figura de Manuel Modesto Doval Montes, investigador mexicano con raíces galegas falecido en 2017 e autor do libro Cristóbal Colón. Señor feudal galego, publicado en 2013.

Raquel Rodríguez: "A Casa de Colón en Poio é un referente a nivel...
Comentarios