Ravachol morre farto de loitar contra o machismo

Centos de persoas asisten na Praza da Ferrería á queima do papagaio, coa que se pon fin ao Entroido pontevedrés

A loita incansable contra o machismo foi o que matou a Ravachol. Revelouno este sábado, na Praza da Ferrería, mentres o papagaio ardía, María Simal, da Asociación Recreativa de Xeve. Ela mesma, que fora a que o pasado luns presentara o disfraz feminista do paxaro, foi a que este sábado se encargou de prenderlle lume ante centos de persoas.

Iso sucedía case ás 22.30 horas. O cortexo fúnebre saíra hora e media antes da Praza da Verdura, onde se celebrou o velorio do becho ao longo de toda a tarde. Ao ritmo da batucada das comparsas Os Canecos, Os da Caña, Amoriños de Bora, As Sonecas, Os 100 Tolos, Os Miúdos, Os Alegres acompañados da banda de Vamos a todo, Las flores del Carnaval e Os Solfamidas, o cadáver de Ravachol abandonou A Verdura para percorrer o centro histórico e rematar case ás 22.00 horas na Ferrería. Alí levaba preto de media hora a presentadora dos actos do Entroido de Pontevedra, María Carrera, vestida de loito, mantilla incluída, recibindo ás distintas agrupacións e convidando ao público a ensaiar laios para cando chegase o animaliño defunto. "Finou Ravachol! Morreu o noso "loriño"! Chorade!", pedía. Ou tamén: "Isto non é unha festa. Isto é un enterro. Chorade!". E, mentres presentaba ás distintas comparsas, explicaba: "Veñen bailando e tocando, pero no fondo do seu corazón están tristes. É moi triste estar aquí hoxe, verdadeiramente triste".

Tres cativas caracterizadas como viuvas chorando ao papagaio. RAFA FARIÑA

Co papagaio xa na Ferrería, os grupos Os de Algures e Celme ofreceron un espectáculo de música e baile tradicional, ao tempo que recreaban un velorio. Empezaba a chuviñar e entre o público bromeábase con que igual en vez de queimar ao animal, este ano había que cocelo. Finalmente, a auga non acabou de presentarse e puido levarse a cabo o espectáculo completo cos paraugas pechados.

REI URCO. "Isto é unha traxedia. Chorade!". A familia de Ravachol, co boticario Perfecto Feijoo á cabeza, acompañada polo Rei Urco, foi a encargada de subir ao escenario mentres María Simal lle prendía lume e, finalmente, lle daba lectura á elexía na honra do papagaio. Aí foi onde explicou que o Ravachol feminista deste ano falecera "farto de loitar contra o machismo".

O espectáculo da queima do Ravachol, co que se despidiu o Entroido de Pontevedra, rematou cunha saeta escrita a propósito para o acto por Os do Val do Lérez, gañadores do Concurso de Murgas deste ano

A FESTA CONTINÚA
ESTE DOMINGO
CERDEDO-COTOBADE.
Domingo de Piñata. Carballedo acolle o Entroido Antonio Fraguas coa evocación de oito parroquias aos disfraces tradicionais. A festa arrancará ás 16.00 horas co desfile da Praza da Chan.

SANXENXO. Desfile e concurso de disfraces infantís. Sae ás 12.00 horas da avenida Rocafort. Tamén sae de aí mesmo do gran desfile de Entroido, que comezará ás 16.30 horas.

BUEU. Desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro. Con saída ás 17.00 horas e posterior queima do paxaro na praia Banda do Río.

SOUTOMAIOR. Desfile de comparsas dende as 17.00 horas. Sae do cruce da avenida Xosé Solla co Calvario.

CALDAS. Gran Desfile de Disfraces, que comezará ás 17.00 horas desde o Paseo Román López.

CUNTIS. Desfile de Entroido Tradicional de ‘Madamitas e Madamitos’, do concello de Entrimo (Ourense), ás 13.00 horas, dentro da programación da Festa do Lacón con Grelos. O velorio e o enterro do Chapante pecha o Entroido en Cuntis, a partir das 19.30 horas.

VILANOVA AROUSA. Festa do Momo, a partir das 17.00 horas. O padriño do acto será o actor Luis Zahera. O boneco quéimase nas inmediacións do paseo marítimo de O Cabo.

SÁBADO, 16 MARZO
POIO. Enterro do Galo Fodorico. Na parroquia de San Xoán. Saída do cortexo fúnebre a partir das 21.00 horas desde a Praza do Mosteiro. Culmina na Praza de Arís coa incineración do difunto. Celébrase ademais a VIII Festa do Choqueiro.

O GROVE. Gran Marcha do Entroido Meco. Concentración da Praza do Corgo e saída ás 17.00 horas.

DOMINGO, 17 MARZO
POIO. Enterro do Galo Bruxo e celebración da Festa da Filloa na parroquia de Samieira.

VILAGARCÍA. Desfile de Entroido. Saída dende a Rúa Alexandre Bóveda ás 17.00 horas. Rematará na Praza da Peixería cun baile amenizado pola Duendeneta.