Ravachol non admite dó

Con máscara para protexerse do coronavirus e cun móbil no que se pode ver a súa versión dixital, o papagaio cumpriu coa tradición de reaparecer no Entroido pontevedrés, aínda que gardando distancia de seguridade ▶A pandemia obrigou a reducir a festa a unha serie de propostas virtuais na web do Concello
O Ravachol coa súa versión dixital, este luns, en Xeve. CONCELLO DE PONTEVEDRA
photo_camera O Ravachol coa súa versión dixital, este luns, en Xeve. CONCELLO DE PONTEVEDRA

A pandemia non puido co Ravachol. O Concello de Pontevedra e a Asociación Recreativa de Xeve cumpriron coa tradición de facer reaparecer ao papagaio o luns de Entroido, aínda que de xeito virtual e gardando distancia de seguridade. Non baixará á cidade a mesturarse coa xente. De feito, a expectación que cada ano se crea arredor do disfraz que levará o animal, desta vez non existiu: Ravachol apareceu nas fotos que facilitou o Concello tan só cunha máscara para protexerse do coronavirus. Ao seus pés está o móbil no que se pode ver a súa versión virtual. E nun dos lados, o lema da festa este 2021: "Este ano o Entroido vai por dentro".

E nada máis. Porque, ao non haber programación de rúa, Ravachol non terá máis presenza. Non acompañará as actuacións das murgas nin os distintos espectáculos porque non se celebrarán. E, por primeira vez en décadas, librarase de ser queimado a finais de semana. Este ano, non se admite dó polo papagaio. Simplemente fixo acto de presenza de xeito simbólico.

Esta aparición de Ravachol forma parte do Entroido virtual que organiza o Concello de Pontevedra a través da súa páxina web (www.pontevedra.gal), do que tamén forman parte unha serie de videochamadas realizadas polo papagaio a algúns dos protagonistas habituais do Entroido, entre outros, o Rei Urco, representantes das murgas (Equipo Ja); representantes das comparsas (Os Solfamidas); o pirata Benito Soto, e a presentadora do Entroido, María Carrera. Esta última aparece parodiando a Cristina Pedroche durante a presentación das badaladas de fin de ano.
 


Nestas videochamadas tamén participa María Simal, da Asociación Recreativa de Xeve, a persoa encargada de presentar e despedir cada ano ao papagaio pontevedrés. "Este ano, Ravachol non pode saír ás rúas. Din as malas linguas que unha paxara, nun desliz, pegoulle o maldito bicho", explica Simal no vídeo. "Así que nos pide que carguemos as pilas para o ano que vén ir todos xuntos a celebrar o Entroido. Xa sabedes, amigos, a gozar da festa a tope, pero na casa".
 


No mesmo espazo web do Concello tamén está a exposición de 250 fotografías da historia da festa, que se pode ver en liña. En grande medida está formada por imaxes do arquivo de Diario de Pontevedra. A mostra virtual aparece dividida en catro etapas temporais: entre 1985 e 1990; a década dos 90; a década de 2000 e, unha última, ata 2020. O ano da pandemia suporá todo un punto e á parte nesta cronoloxía, ao eliminar da historia da cidade, por unha vez, o Entroido na rúa.

Finalmente, o Concello tamén creou un espazo para os máis pequenos dende o que se poden descargar máscaras que representan as principais personaxes do Entroido pontevedrés e colorealas para o seu posterior uso. Alí están o Rei Urco, o papagaio Ravachol e mesmo o que semella unha homenaxe ao disfraz de pallaso que acostuma a lucir un participante histórico do Entroido, Caqui Viñas, vinculado coa celebración da Noite da Parodia.

Comentarios