Ravachol súmase á loita feminista

O papagaio do Entroido pontevedrés apúntase ás reivindicacións do 8 de marzo e aparece vestido de morado e co lazo correspondente

Ravachol é feminista. O papagaio do Entroido pontevedrés acaba de desvelar de que vai disfrazado, un dos segredos mellor gardados nas vésperas da festa.

Apareceu na Praza da Peregrina, entre actuacións musicais, vestido de morado e co lazo reivindicativo da loita feminista. Leva tamén o cartel que fixo Luis Davila para a campaña do Concello de cara ao 8 de marzo, e unha chapiña na que se pode ler "Contra o machismo, lume".

A Asociación Recreativa de Xeve é a encargada da construción do Papagaio Ravachol. De 2,40 metros de alto e cuberto de miles de plumas de cores, nel traballan seis persoas ao longo dun mes. Trátase dunha homenaxe á mascota do  boticario Perfecto Feijóo e debía o seu nome ao líder da revolta de 1892,  François Ravachol. A morte do ave, un luns de Entroido de 1913, causou un "forte loito" na cidade e as súas honras fúnebres foron "multitudinarias", lembrou María Simal. 

Cada ano, a asociación elixe un tema representativo da actualidade social, política ou económica, tanto a nivel local, como autonómico ou estatal, a partir do cal elaboran un disfrace acorde ao gran tamaño da figura do papagaio. Nesta ocasión, "Ravachol vén mostrar a súa faceta máis reivindicativa", sinalou María Simal, portavoz da Irmandade do Ravachol, para "reclamar o dereito para decidir de todas as mulleres e pelexar pola igualdade e a sustentabilidade económica, a conciliación laboral e a desaparición definitiva das fronteiras sociais entre homes e mulleres". 

Así, co lema 'Nin unha menos, vivas querémonos', a  Irmandade  do Ravachol mostrou o seu apoio aos actos do Día da Muller este próximo 8 de marzo. Precisamente, ao día seguinte celebrarase a incineración do papagaio Ravachol na  Praza da Peregrina, a partir das 21.00 horas, tras o velorio desde as 18.00 horas na  Praza da Verdura. Ata entón, os actos do Entroido de Pontevedra continuarán coa recreación da botica de Perfecto Feijóo, o Concurso de charangas, a  Festa da filloa, a  Mostra da Parodia e a Noite Pirata. 

Comentarios