Realidade aumentada e un videoxogo complementan a mostra 'O segredo da Ponte do Burgo'

A exposición inaugurarase o xoves 19 de decembro ás 18:30 horas no Pazo da Cultura ► Os visitantes poderán descargar unha app para interactuar cos contidos e realizar un xogo de construción
Presentación da mostra 'O segredo da Ponte do Burgo'. CONCELLO
photo_camera Presentación da mostra 'O segredo da Ponte do Burgo'. CONCELLO

O segredo da Ponte do Burgo é o título da mostra que o vindeiro xoves, ás 18.30 horas, se abrirá ao público e que, nesta ocasión, irá acompañada da posibilidade de interactuar cos contidos a través dunha aplicación.

Trátase dunha das accións postas en marcha polo Concello para celebrar os 850 anos da concesión do Foro á cidade de Pontevedra, segundo explicou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda.

Moreda presentou a exposición, acompañada da aplicación, así como unha segunda acción consistente na edición dunha Unidade Didáctica sobre a Pontevedra medieval que, á súa vez, irá acompañada dun videoxogo. "É unha aposta por incluír formatos e linguaxes do noso tempo aplicados á historiografía e de promover, neste tempo de globalización, o estudo da historia local" asegurou o concelleiro.

Tanto a aplicación como o videoxogo foron realizados a través do grupo de innovación docente da Universidade de Vigo ComTecArt. Tres dos integrantes deste grupo, a profesora de Comunicación Audiovisual, Beatriz Legerén, o profesor de Telecomunicacións, Antonio Peña, e a deseñadora de Arte, Olaia Ferrando, explicaron as ferramentas desenvolvidas.

Sobre a aplicación de realidade aumentada indicaron que permitirá ás persoas visitantes interactuar cos contidos dos paneis da exposición da Ponte do Burgo, respondendo preguntas e mesmo realizando un xogo de construción.

Pola súa banda, a Unidade Didáctica abrangue contidos máis amplos sobre a Pontevedra medieval e vai especialmente dirixida a profesorado de primaria. Estes contidos son, ademais o eixo que fundamenta un videoxogo co que percorrer diferentes escenarios da cidade e que estará dispoñible para todo tipo de públicos. Poderá descargarse a través de teléfono móbil e obrigará aos xogadores a realizar un roteiro físico por diversos puntos do centro histórico, vinculados ao perímetro da muralla, e no que terán que superar diversos niveis que van asociados ás confrarías medievais, e que rematarán coa resolución dun enigma final.

Para realizar este roteiro o xogador ou xogadora contará cun personaxe guía. Este personaxe foi deseñado en base a criterios que aunaran un persoeiro representativo de Pontevedra, unha certa dose de retranca, e que puidese actuar como un axente encuberto, dando como resulado o Lorichol.

Este Lorichol, en clara referencia ao famoso loro Ravachol, terá ademais unha serie de axudantes ou esbirros, que tamén pertencen ao reino das aves. O obxectivo é introducir, dun xeito lúdico pero con rigor histórico, a persoas de todo tipo na historia medieval da cidade.

Xaquín Moreda lembrou que estas accións veñen complementar outras realizadas anteriormente, como a publicación do libro sobre o Foro de Pontevedra, coordinado por Xosé Abilleira, e o faladorio celebrado o mes pasado no Museo e no que participaron algúns dos autores e autoras do citado libro.

Comentarios