A reapertura de Psiquiatría no CHOP da paso á reubicación dos pacientes

Vázquez Almuíña visitou este luns a renovada área tralo incendio do 11 de setembro
Autoridades visitando este lunes as renovadas dependencias de Psiquiatría do CHOP
photo_camera Autoridades visitando este lunes as renovadas dependencias de Psiquiatría do CHOP

O CHOP estreou este luns a renovada área de Psiquiatría tralo incendio que unha paciente provocou o pasado 11 de septiembre e que calcinou as instalacións. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o xerente de Pontevedra e O Salnés, José Manuel González Álvarez, visitaron as dependencias, acompañados por responsables do centro hospitalario e polo xefe de Psiquiatría, Isauro Gómez Tato. 

A Xerencia da Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés procedeu á reapertura da unidade completamente remodelada e, na visita institucional (na que tamén estiveron o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, e a delegada provincial de Sanidade, Ángeles Feijóo-Montenegro) o conselleiro supervisou a reforma executada tralo lume que provocara graves danos materiais na mesma. 

Os responsables da Consellería realizaron unha valoración moi positiva das obras acometidas na área. Cómpre lembrar que o lume deteriorou a práctica totalidade do mobiliario e destruíu a instalación eléctrica e de iluminación, climatización, carpintería metálica e de madeira, sistema contra incendios, teito, solos, etc nos focos do incendio; de aí que a reforma da zona afectada tivera que ser integral. 

MELLORAS. Dentro da remodelación da unidade psiquiátrica do Hospital Provincial, levouse a cabo a renovación do sistema de climatización e da instalación eléctrica, a ampliación da sala de estar para pacientes, a dotación de ventanais no control de enfermaría e na sala de estar do persoal co obxectivo de proporcionar unha visión completa da área, e o reforzo da seguridade da área con materiais ignífugos, como por exemplo os marcos das portas e os colchóns, entre outros. 

A Xerencia da Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés dá así por rematada a reforma da área psiquiátrica do Hospital Provincial e este luns mesmo xa deu comezo o traslado de pacientes á nova unidade.