Rebulindo entre o lume e a propulsión

O público de A Rebulir!  goza coa capitana Centella e o doutor Potasio, e cos fogos e a percusión de Troula
O espectáculo itinerante 'Lume', de Troula Animación, nunha nova xornada do ciclo A Rebulir!. RAFA FARIÑA
photo_camera O espectáculo itinerante 'Lume', de Troula Animación, nunha nova xornada do ciclo A Rebulir!. RAFA FARIÑA

A boa tarde do mércores acollía a terceira xornada de A Rebulir!, o ciclo de animación itinerante que forma parte da programación de verán do concello de Pontevedra. Ás 20.00 horas, a compañía Inventi Teatro presentaba na cidade A gran viaxe, unha nova peza estreada este ano que supón a segunda para a compañía. A creación, que non superou a hora de duración, relatoulles aos viandantes a chegada á terra en nave espacial da capitana Centella e o doutor Potasio na busca do Ziscornio, o elemento que precisan para salvar o seu planeta de orixe, que se atopa baixo o ataque duns bichos malignos, así como todas as dificultades ás que se teñen que enfrontar para conseguir voltar. O espectáculo contou co seu propio vehículo espacial, composto por un antigo seat 600 e un propulsor remolcado, que fascinou a todos aqueles cos que se atopou ao seu paso polas rúas da Boa Vila.

Unha hora máis tarde, ás 21.00, chegaba a quenda dos coordinadores do programa, Troula Animación. A compañía, de case vinte anos de percorrido, trouxo un espectáculo máis orientado cara á xente moza, baixo o título de Lume. Nel, e malia que o tardío solpor característico dos días de verán non rematase de acompañar, as personaxes saídas da máis profunda das escuridades, como demos ou bruxas, percorreron o casco histórico e algunha das zonas peonís do ensanche de Pontevedra ao ritmo marcado polos tambores, amosando as súas habilidades co seu elemento máis prezado, o lume, que mantivo en alza a temperatura da noite que ía comezar.

A programación continúa este xoves co espectáculo 'A musicleta e os instrumentos máxicos', de Pulpiño Viascón

Como nas xornadas previas, tanto o punto de partida como o percorrido non se desvelaron en ningún momento, e a interacción con público mantívose baixo mínimos por motivos de seguridade. Na xeira deste xoves será o turno, ás 20.00 horas, de A musicleta e os instrumentos máxicos de Pulpìño de Viascón, e de Artmonium coa súa ‘Ruada animal’ ás 21.00. Finalmente, o venres sete, último día do ciclo, percorrerán as rúas pontevedresas as compañías Barafunda e Pablo Méndez Performance, cos espectáculos de O séquito do capitán Nemo e Tricirco ás 20.00 e 21.00 horas respectivamente.