A Rebulir! vai rematando sobre rodas

O xoves a animación itinerante enchou de música as rúas da Boa Vila da man da musicleta do Pulpiño Viascón e a animación de Art-monium. O programa finaliza este venres cos pasarrúas O séquito do capitán Nemo e Tricirco
Momento do espetáculo 'Ruada animal'. RAFA FARIÑA
photo_camera Momento do espetáculo 'Ruada animal'. RAFA FARIÑA

O programa de animación itinerante A Rebulir!, que na situación actual veu a tratar de encher o baleiro que deixaba o xa tradicional Itineranta pontevedrés, vai chegando a súa recta final. O xoves á tarde, na penúltima xornada dos pasarrúas, Pulpiño Viascón saíu a pasear polas rúas de Pontevedra con A musicleta e os instrumentos máxicos nunha bicicleta convertida en escenario a pedais, que por mor das medidas de seguridade impostas pola Covid non puido ser compartida co público asistente. Secasí, a plataforma en movemento estivo cargada dos máxicos instrumentos, como o arcordeón, as percusións, o serrucho ou unha consola de xogos, que acompañaron o pasarrúas deste home orquestra nunha animación músico-humorística na que Pulpiño interpretou pezas populares coa fin de convidar aos presentes a cantar e bailar, sen importar a súa idade. Coa chegada da agulla do reloxo a unha hora máis tarde, a compañía Art-monium tomaba o casco histórico da Boa Vila coa súa Ruada animal. Un espectáculo que misturou a música, o teatro e o baile dos membros desta compañía lalinesa de animación, é que fixo as delicias de todos os que se cruzaron con eles ao longo do seu percorrido. Con todo, e unha vez máis, a interacción co público tivo que ser mínima. 

AMAIS. O vernes é a última xeira deste ciclo de animación itinerante incluído na programación de verán do Concello. O broche de ouro nesta véspera do comezo das Festas da Peregrina porano Barafunda con O séquito do capitán Nemo e Pablo Méndez Performance co seu Tricirco
 

Comentarios