Recollidas máis de 700 sinaturas para paralizar a ampliación do Museo

Veciños da cidade, entre os que están o arquitecto Enrique Barreiro e o creador Sergio Portela, mostran a súa repulsa á obra na Praza da Leña ►O Colexio de Arquitectos presenta alegacións ante a Xunta contra a modificación do Peprica que require o proxecto
O creador Sergio Portela (esquerda) e o arquitecto Enrique Barreiro, este luns, na Praza da Leña. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O creador Sergio Portela (esquerda) e o arquitecto Enrique Barreiro, este luns, na Praza da Leña. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Máis de 700 sinaturas de apoio veñen de ser recollidas por parte dun movemento veciñal de Pontevedra que pide paralizar o proxecto de ampliación do Museo, unha obra que pasa pola construción dun gran soto subterráneo na Praza da Leña. O arquitecto Enrique Barreiro e o creador Sergio Portela encabezan a reivindicación, á que tamén se sumou o Colexio Oficial de Arquitectos (Coag) de Pontevedra, que presentou ante a Xunta de Galicia alegacións á modificación do Plan Especial de Protección e Reforma Interior e Conservación Artística (Peprica) que esixe o proxecto museístico para poder intervir no centro histórico. "A recollida de sinaturas iniciada polos veciños é para deixar constancia no Concello da nosa repulsa a unha obra de tal calado, do noso desacordo cun proxecto desta envergadura sen ter en conta as súas consecuencias", indican os promotores da protesta, que reivindican o estudo de alternativas como a incorporación ao Museo do antigo edificio de Facenda, abandonado desde 2010. "Ou calquera outro da zona vella nas mesmas circunstancias, que hai bastantes", apunta Sergio Portela. 
 
"Unha actuación deste tipo non respecta ningún parámetro de sostibilidade nin a filosofía de protección do casco histórico. Dificultades técnicas e arquitectónicas tenas todas", engade Barreiro, que tamén apunta o gasto "incrible e sen determinar" que suporá a obra. Portela está de acordo. "Nun momento tan delicado como o actual é incomprensible ese derroche. Nin sequera se sabe exactamente de cantos millóns estamos falando. É un disparate", di. "Para os veciños é difícil entender unha actuación tan agresiva cando eles non poden cambiar unha fiestra".
 
Á preocupación veciñal sumouse a do Coag-Pontevedra, que pide unha moficación do Peprica ao completo. "Isto non pode ser unha improvisación constante. O que necesita Pontevedra é unha planificación urbana. O Peprica xa se debía ter modificado pola Lei de patrimonio de Galicia de 2016 e non andar con parches", di o presidente da delegación, Anselmo Villanueva. "Nós o que queremos é colaborar de forma constante, continua e desinteresada coa administración. Pedimos diálogo e que conten con nós".

Comentarios