Récord da UVigo ao acadar 4,8 millóns de fondos europeos

A Universidade crea a vicexerencia de Investigación, que asume Anxo Moreira
Manuel Reigosa, Belén Rubio e Anxo Moreira na presentación. DUVI
photo_camera Manuel Reigosa, Belén Rubio e Anxo Moreira na presentación. DUVI

Un ano de récord. Así se referiron o reitor, Manuel Reigosa, e a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, ao primeiro semestre de 2022, no que a Universidade de Vigo logrou captar 4,8 millóns de euros de fondos europeos para a posta en marcha de 17 proxectos de investigación. Dixérono este xoves, informou o Duvi, nunha comparecencia na que tamén se anunciou a creación da Vicexerencia de Investigación, que asume Anxo Moreira, ata agora técnico de I+D da Oficina de Proxectos Internacionais. "Esta vicexerencia servirá de ponte entre o persoal investigador e a xerencia", explicou Rubio, que insistiu na importancia de "descargar ao persoal investigador de toda a carga burocrática e administrativa, que cada vez é maior, para que poida centrarse nas súas investigacións".

Doce destes 17 proxectos foron aprobados dentro do programa marco Horizonte Europa, principal sistema de financiamento da Unión Europea en materia de investigación e innovación para o período 2021-2027, e outros cinco levaranse a cabo con recursos procedentes doutras convocatorias internacionais. A previsión para finais de ano e alcanzar a cifra de oito millóns de euros, arredor de dous máis que en 2021 -cando se acadaran 16 proxectos financiados con 5,8 millóns de euros-, un exercicio que xa se consideraba excelente en termos de captación de fondos.

"Hai ben poucos días tiñamos boas novas respecto da posición da Universidade de Vigo en diferentes clasificacións o que, unido a estes datos que hoxe presentamos, vén a salientar o excelente traballo que está a realizar desde o punto de vista da investigación todo o noso persoal", salientou o reitor. "Temos unha enorme satisfacción polos resultados acadados, son datos que demostran a calidade do noso sistema investigador e tamén de todo o apoio loxístico que dá a Oficina de Proxectos Internacionais", recalcou. Reigosa destacou a importancia duns fondos "que son moi competitivos", e que, unha vez acadados, permiten tamén facer redes e xogar un papel "importantísimo" para o desenvolvemento futuro. "Queremos que a sociedade coñeza estes datos e se poida sentir orgullosa da súa Universidade".

Pendentes aínda da convocatoria Interreg, "que sairá probablemente no segundo semestre do ano", tal e como explicou Anxo Moreira, os doce proxectos aprobados dentro da convocatoria Horizonte Europa supoñen para a UVigo unha inxección económica de 3,8 millóns de euros. Coa excepción dunha axuda contrato Marie S. Curie, "un dos programas estrela da Unión Europea para captar talento", as demais son para a posta en marcha de proxectos colaborativos que se levarán a cabo entre diferentes institucións europeas, exercendo a UVigo como entidade coordinadora en catro destes proxectos. "Non só aumentamos en fondos, senón tamén na calidade deses fondos ao liderar varios destes consorcios", recalcou o novo vicexerente.

DOUS EN PONTEVEDRA. Dos doce proxectos aprobados catro pertencen ao ámbito tecnolóxico, outros catro ao científico, dous ao xurídico social e outros dous son multidisciplinares (un que relaciona as ciencias sociais, as humanidades e tecnoloxía, e outro que relaciona o ámbito científico co das ciencias sociais).

En canto á distribución por campus, sete pertencen ao de Vigo, tres ao de Ourense (dous deles multicampus) e outros dous ao de Pontevedra. "Todo isto demostra que non só colaboramos entre ámbitos, senón tamén entre campus", explicou Moreira, facendo así fincapé na idea de que "os tres campus son capaces de unirse para competir e conseguir eses fondos europeos".

Recuperación de mares e obtención de solos sans

Dous dos proxectos concedidos forman parte das denominadas Misións Europa, unha das principais novidades que presenta Horizonte Europa fronte ao anterior programa marco, H2020. Estas "misións" propostas pola Comisión Europea retan ás institucións de ensino superior a resolver diferentes retos sociais (loita contra o cancro, adaptación ao cambio climático, creación de cidades máis verdes...).

No caso das propostas da UVigo unha das aprobadas forma parte da Misión Océanos, relativa á limpeza e recuperación dos océanos, mares, costas e ríos, e a outra á Misión Solos, dirixida á obtención de solos sans para que os alimentos, as persoas, a natureza e o clima tamén estean saudables.

A UVigo acadou tamén preto dun millón de euros doutros cinco proxectos de convocatorias internacionais. Un deles será financiado polo Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía, outro pola Axencia Europea de Seguridade Alimentaria, outro polo Fondo Social Europeo, outro polo Programa Europa Dixital da Comisión Europea, e un quinto proxecto contará con financiamento da Fundación Comunitaria de Silicon Valley .

Comentarios