Recta final do ano das Conversas na UVigo con Alfonso Rueda e Fernando Cabezas

A Casa das Campás acollerá este martes a entrevista do columnista e colaborador de Diario de Pontevedra Rodrigo Cota ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia da Xunta
Alfonso Rueda e Rodrigo Cota. DP
photo_camera Alfonso Rueda e Rodrigo Cota. DP

A sétima edición das Conversas na UVigo que promove a institución académica e o Diario de Pontevedra, encara a recta final do ano con dúas novas propostas. Este espazo no que un xornalista entrevista a un persoeiro vencellado a Pontevedra contará esta semana coa visita do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta, Alfonso Rueda, que sentará a conversar co escritor, columnista e colaborador de Diario de Pontevedra, Rodrigo Cota.

Ambos os dous repasarán a traxectoria política do pontevedrés e adentraranse no escenario que se abre para Galicia trala pandemia, con especial atención a Pontevedra. A cita será ás 19 horas deste martes na Casa das Campás, con entrada libre ata completar aforo.

Trátase da primeira das conversas sen límite de aforo, logo das restricións provocadas pola pandemia, malia que se conservarán as medidas de prevención do covid como o uso da máscara ou a distancia.

A seguinte cita terá lugar xa o último martes do mes de novembro, de novo na Casa das Campás e nesta ocasión o xornalista de Diario de Pontevedra Serafín Alonso manterá un encontro co xuíz da sala do social número 3 de Pontevedra Fernando Cabezas Lefler.

As Conversas na UVigo van xa pola súa sétima edición. Naceron como un espazo para o diálogo e a reflexión. O seu coordinador, o crítico de arte Ramón Rozas defendeu a idoneidade desta proposta en tempos de ruído como os actuais.

"Eu sempre son partidario de crear espazos de pensamento e de reflexión, de ofrecerlle á xente a posibilidade de sentar un anaco a escoitar con calma a alguén", lembrou.

O martes 30 de novembro o xornalista Serafín Alonso falará con Fernando Cabezas, xuíz da sala do Social nº3 de Pontevedra 

"Viviamos xa uns tempos demasidado frenéticos. Chegou a pandemia e seguimos estando nun estado de tensión permanente. Por iso é importante contar con estes pequenos acubillos nos que achegarse a escoitar xente próxima a nós, que ten vinculación coa cidade ou coa contorna e que moitas veces non temos oportunidade de oír máis alá do seu ámbito profesional", engadiu.

Así, esta sétima edición, que tivo a súa versión virtual, sufriu un parón en marzo e volveu á presencialidade en abril, contou co actor e humorista David Amor, a produtora Teresa Fernández Valdés, socia fundadora de Bambú, responsable de éxitos da televisión como Fariña; o docente da especialidade de cociña e pastelaría do CIFP Carlos Oroza Ricardo Fernández Guerra e o xornalista Nacho Carretero, autor de libros como Fariña e En el corredor de la muerte. Os encargados das de entrevistalos foron Ramón Rozas, María Varela, Chus Gómez e Rafa Cabeleira.

Esta sétima edición tivo a súa versión virtual, sufriu un parón en marzo e volveu a presencialidade no mes de abril 

"Estou moi contento cos convidados que aceptaron ao longo de todas estas edicións participar nesta proposta. É un esforzo moi importante o que se fai, sobre todo por parte dos xornalistas que realizan as conversas. Sobrecárganse de traballo por participar neste proxecto e iso é algo que agradezo moito. Son eles os que escollen á persoa coa que van falar porque lles parece interesante", dixo o coordinador das Conversas que, ademais, salientou a variedade.

Segundo sinala, un dos valores de Conversas na UVigo é precisamente a variadade que resulta deste xeito de traballar.

Comentarios