Redescuberta de Carvalho Calero dende a música, a poesía e o erotismo

A Deputación Provincial traslada os seus actos do Día das Letras Galegas, en Pontevedra e en Vigo, aos últimos días de outubro
Isaac Garabatos, María Ortega, Aser Álvarez e Elvira Jardón (de esquerda a dereita). DEPUTACIÓN
photo_camera Isaac Garabatos, María Ortega, Aser Álvarez e Elvira Jardón (de esquerda a dereita). DEPUTACIÓN

Un concerto de Xardín Desordenado, en Pontevedra; a presentación do libro Carvalho Calero sen fronteiras, en Vigo, e o recital Eterna e múltipla, de novo en Pontevedra, conforman a programación do Día das Letras Galegas que a Deputación Provincial vén de facer pública. "Aproveitando que, neste ano tan atípico, a Academia trasladou os actos de celebración arredor da figura de Carbalho Calero a outubro, nós tamén decidimos organizar agora unha serie de actividades", explicou a deputada provincial de Lingua, María Ortega. O conxunto das propostas presentadas pretenden axudar a redescubrir ao autor homenaxeado dende eidos como a música ou a poesía. Como vén sendo habitual, os protocolos de seguridade sanitaria marcarán o desenvolvemento das distintas iniciativas, para as que haberá acceso limitado e será imprescindible inscrición previa.

Era un home independente, á marxe do que facían os demais, un resistente ata o final dos seus días

Sobre o concerto que o grupo especializado en musicar a poetas galegos Xardín Desordenado ofrecerá, o mércores 21 de outubro, no Museo de Pontevedra, un dos seus integrantes, Isaac Garabatos, indicou que o recital se centrará na interpretación de versos de Ricardo Carvalho Calero. Segundo dixo, estamos ante un autor "directo e emocionante, que escribe sobre temas transcendentais". "Para nós foi todo un descubrimento no ámbito poético. Un exemplo da súa forza é o poema Futuro condicional, que musicamos para este concerto homenaxe, no que fala dunha rapaza negra que vive unha situación de esclavismo nas mans dos homes brancos e, a pesares da dificultade, a enxalza con poderío", explicou Garabatos.

O xornalista e cineasta Aser Álvarez, responsable do documental De Carballo a Carvalho, será o protagonista do acto do venres 23 na sede da Deputación en Vigo. Alí presentará o seu libro Carvalho Calero sen fronteiras, un volume que repasa a traxectoria do homenaxeado o Día das Letras, "un home independente, sempre á marxe do que facían os demais, un resistente ata o final dos seus días". Álvarez estará acompañado por Moisés Quintas, no que será "un percorrido póetico-musical" arredor da figura de Calero.

Para nós foi un descubrimento como poeta. É un autor diurecto e emocionante que escribe sobre temas transcendentais

DIÁLOGO. Finalmente, Elvira Jardón, do colectivo O fruto e a serpe, falou do espectáculo poético que se poderá ver o venres 30 de outubro no Museo de Pontevedra. "Non é nin un recital nin un concerto", avanzou sobre a proposta na que, segundo dixo, "a idea central é manter un diálogo interxeneracional e interxénero" entre dúas poetas viguesas actuais e o propio Carvalho Calero. Neste sentido, Jardón lembrou que o autor "é un dos grandes representantes da poesía erótica en galego" e valorou que fose quen "de poñerse, no seu día, na pel dunha muller". O título do espectáculo, Eterna e múltipla, é precisamente un verso dun poema seu: "Amigo, talvez és/ plural e intermitente, fragmentário e efémero./ Eu som eterna e múltipla,/ moribunda e incólume".

Os convites para poder participar nestes actos terán que solicitarse no correo [email protected] (máximo dous por mail). Deberase o incluír nome das persoas que solicitan a asistencia e os seus teléfonos de contacto. Para o concerto do día 21, as peticións comezarán a rexistrarse o luns 19; para a presentación do libro do venres 23, o mércores 21; e para o espectáculo do venres 30, o mércores 28. En todos os casos, a recepción de solicitudes abrirase ás 09.00 horas. O acceso estará limitado a 30 persoas por acto.

É un dos grandes representantes da poesía erótica en galego e foi quen de poñerse, no seu día, na pel dunha muller

Comentarios