Referentes na xestión pública reivindican a "imprescindible" voz das mulleres nas administracións

Carmela Silva defendeu na xornada da Escola de Igualdade María Vinyals que, aínda que son maioría, "nas direccións a nosa presenza é minoritaria"

Participantes na xornada da Escola de Igualdade María Vinyals. DEPUTACIÓN
photo_camera Participantes na xornada da Escola de Igualdade María Vinyals. DEPUTACIÓN
Este xoves a xornada da Escola de Igualdade María Vinyals sobre o papel das mulleres da administración pública no liderado da Axenda 2030 desenvolveuse desde o Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra e cun auditorio virtual de máis de 300 persoas, onde referentes en xestión pública reivindicaron a "imprescindible" voz das mulleres.

Esta actividade está organizada pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Universidade de Santiago e conta cunha vintena de expertas para reflexionar sobre a necesidade da voz "imprescindible" das mulleres na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) desde a xestión pública en campos como o socio-sanitario, a investigación, a educación pública, o liderado institucional, o urbanismo sostible e o mundo local.

Na apertura da xornada a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo unha declaración de intencións: "Se queremos un mundo mellor e dar cumprimento aos ODS que expón Nacións Unidas, que serán a salvagarda da humanidade, as mulleres temos que estar propoñendo, demandando, actuando e esixindo desde unha mirada propia".

Carmela Silva reivindicou que nas administracións públicas as mulleres son "maioría". "Porque aprobamos maioritariamente as oposicións, pero nas direccións a presenza de mulleres é minoritaria", abundou.

Participantes na xornada da Escola de Igualdade María Vinyals. DEPUTACIÓN

A directora da Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago de Compostela, María Cadaval, pola súa banda, subliñou que a administración pública "non se pode permitir o luxo de perder a metade do talento" que achegan as mulleres, e insistiu en que "a realidade é que teñen presenza reducida nos niveis máis altos, nos que se toman as decisións, porque o mérito e a capacidade quedan acoutados con teitos de cristal que moitas veces custa romper mesmo máis que noutro tipo de actividades".

CAMBIOS PARA O FUTURO. Pola súa banda, a directora da Xornada, María Xosé Rodríguez Galdo, destacou que "despois do mazazo do covid, que cuestionou todo, é imprescindible impulsar o rol das mulleres nos cambios para o futuro".

Na mesa sobre O papel das mulleres no liderado dos servizos sociosanitarios reflexionouse sobre os obstáculos aos que enfrontan as mulleres e a escasa presenza nos medios a pesar de ser as impulsoras, por exemplo, das vacinas para facer fronte ao covid.

A segunda das mesas redondas abordou O papel das mulleres en prol da investigación e da educación pública de calidade e nela puxéronse de relevo datos como que menos do 30% da investigación ten nome de muller, que só o 3% escollen carreiras TIC ou que só hai un 8% de reitoras a nivel nacional.

Esta xornada terá unha segunda parte que se celebrará o xoves 29 de abril e, entre outras referentes, contará coa intervención da vicepresidenta do Goberno de España e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira; coa presidenta do Consello do Estado, María Teresa Fernández de la Vega e coa avogada xeral do Estado, Consuelo Castro.

Comentarios