O Concello renovará a rede de agua e saneamento de Echegaray e ampliará as beirarrúas

O investimento será de 696.000 euros e o prazo de execución de seis meses

Estacionamientos en Echegaray. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Estacionamientos en Echegaray. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O Concello de Pontevedra recibirá nestes días o proxecto de reforma e substitución dos servizos da rúa Echegaray, incluído dentro dos investimentos do novo contrato do ciclo da auga e que correrá integramente a cargo da empresa concesionaria, Viaqua. Segundo desvelou este luns o concelleiro responsable, Raimundo González, a obra terá uns estándares de calidade similares a calquera outra rúa da cidade.

O investimento será de 696.000 euros e o prazo de execución de seis meses. A parte máis custosa é a que está “enterrada”, segundo explicou Raimundo González. Os servizos serán totalmente novos. O saneamento cambiarase por ambos lados, polo que se instalarán 425 metros lineais de tubaxe, 28 pozos e 37 acometidas. Na auga, haberá unha substitución da rede na marxe dereita (de saída da cidade) xa que a esquerda é nova, e instalaranse 14 unidades de acometida.


Tamén se substituirán as redes de pluviais por ambos lados até completar 425 metros lineais, 23 pozos, 37 acometidas, e 26 sumidoiros.

Outra das actuacións é a substitución de toda a canalización eléctrica, tamén nunha lonxitude de 425 metros.

A reforma en superficie segue os mesmos estándares que o resto da cidade. Gáñase espazo para os peóns ampliando as beirarrúas, aínda que quedará un carril de servizo a ambos lados. Haberá unha superficie de 1.804 m2 de urbanización de beirarrúas, e 1.634 m2 de estacionamentos e viais.

O Concello recibirá en breve o proxecto que será revisado polos servizos técnicos. O concelleiro do Ciclo da Auga anunciou que está previsto celebrar unha asemblea na rúa para consensuar cos veciños o inicio da obra.

SANEAMENTO DE VERDUCIDO. Este luns daban comezo as primeiras obras de saneamento con cargo ao novo contrato do ciclo da auga. É na parroquia de Verducido, no lugar de Outeiriño, a onde se están a trasladar os acopios da empresa que vai a facer esta primeira fase do saneamento da parroquia. O investimento desta primeira fase é de 4.787.862,55 euros.

Comentarios