A reforma da rúa Lepanto remata esta semana

Trabállase nos últimos retoques dun proxecto que tivo un custe de 183.000 euros
Obras na rúa Lepanto
photo_camera Obras na rúa Lepanto

Esta semana estará rematada a reforma da rúa Lepanto á espera de pavimentar o entronque con San Antoniño, segundo anunciou esta mañá o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores despois da súa visita á obra acompañado do concelleiro de Obras, Demetrio Gómez e o concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, así como dos técnicos municipais e responsables da empresa E.C.Casas que executa a reforma.

A obra tivo un custe de execución de 183,401,08 euros (a licitación era de 256.505 euros) e consistiu na substitución de servizos soterrados de saneamento (canalización de pluviais e abastecemento), a creación dunha plataforma única, a mellora da accesibilidade universal, calmado de tráfico, mellora da iluminación pública e creación dunha praza no entronque con Benito Corbal “que dá máis calidade urbana nunha zona que lle facía falta”, explicou o alcalde.

O asfaltado do entronque da rúa San Antoniño está previsto para o 5 de novembro, unha das melloras que ofertou a empresa na licitación, así como a instalación das novas luminarias leds que este martes xa estaban colocadas.

Unha vez rematada a obra, o sentido do tráfico rodado será de Benito Corbal cara San Antoniño e podería empregarse polas persoas que o precisen.

O alcalde destacou que con esta obra “danse por rematadas as perpendiculares de Benito Corbal con San Antoniño”, e lembrou que a rúa Lepanto foi a última en realizar porque tamén era a máis nova de todas elas