A reforma paisaxística da Praza de Galicia estará lista a finais de mes

Os traballos de rexeneración céntranse nos espazos verdes, o rego e os paseos

O alcalde visitou este xoves os traballos de Praza de Galicia. OLGA FERNÁNDEZ (Miguel Anxo Fernández Lores)
photo_camera O alcalde visitou este xoves os traballos de Praza de Galicia. OLGA FERNÁNDEZ (Miguel Anxo Fernández Lores)

O lavado de cara da Praza de Galicia rematará a finais de mes. Así o anunciou este xoves o alcalde de Pontevedra, Fernández Lores, durante unha visita ás obras de xardinería que se levan a cabo estes días e que manteñen pechada ao público a praza mentres se acondicionan os paseos de xabre e se rematan os parterres de flores.

Os traballos de rexeneración paisaxística da praza de Galicia están a centrarse nos espazos verdes, no rego e nos paseos. A empresa Ferroser é a encargada de executar a actuación, valorada en 51.802,39 euros. A intervención pode prolongarse durante tres semanas (se o tempo acompaña), segundo explicou este xoves o concelleiro de Parques, Alberto Oubiña, que acompañou ao alcalde na súa visita.

A praza permanece pechada dende hai unha semana para acondicionar os paseos de xabre que foron rebaixados para volver a botarlle xabre de máis calidade; ademais, abombáronse no centro para facilitar a evacuación das augas pluviais. Os paseos aínda teñen que ser compactados cando o xabre seque e quede máis firme.

ACTUACIÓNS. Os operarios municipais traballan nos parterres de flores, nos que se mellorará o céspede e se plantarán distintas especies arbustivas como azaleas e rododendros, que florecerán en distintas estacións do ano e daranlle máis vistosidade e colorido á praza. Instalarase rego por goteo, que é máis ecolóxico, e cortiza para evitar que crezan as herbas malas.

A outra parte do proxecto supón mellorar a xardinería das rotondas que están nas cabeceiras da Praza de Galicia.

As obras da Ponte da Barca iniciaranse en xullo e custarán un millón de euros

A Consellería de Infraestruturas vén de adxudicar por preto dun millón de euros as obras da Ponte da Barca entre Pontevedra e Poio, que comezarán na segunda quincena do mes de xullo.

Os traballos de reparación da Ponte da Barca, na estrada PO-531, acaban de ser adxudicadas á empresa Civis Global, S.L.U, cun prazo de execución de cinco meses. Para minimizar o impacto no tráfico, deseñarase un plan co que durante o día se poidan manter os dous sentidos de circulación, salvo en situacións puntuais, e que pola noite se leven a cabo as afeccións necesarias.

As actuacións previstas na Ponte da Barca suporán a renovación da marquesiña que protexe as beirarrúas. Para iso construirase unha nova estrutura de madeira, cun tratamento protector que estará especialmente deseñado para evitar a acumulación da auga e a cuberta será de aluminio para evitar un rápido deterioro e garantir unha maior resistencia.