As reformas do Concello permiten a reapertura do consultorio de Ponte Sampaio

O Sergas anuncia que a actividade de Atención Primaria volverá este luns, tanto en Medicina Familiar como en Enfermaría
2020091312411750407
photo_camera O consultorio médico de Ponte Sampaio. RAFA FARIÑA

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés reactiva a partir deste luns, 14 de setembro, a actividade de Atención Primaria no consultorio da parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio, que voltará a prestar atención co facultativo de Medicina Familiar e Comunitaria así coma coa profesional de Enfermaría.

Esta reactivación asistencial prodúcese tras as reformas efectuadas no consultorio polo Concello de Pontevedra para adaptarse ás continxencias da pandemia pola covid-19.

Deste xeito, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) recupera a planificación asistencial en Ponte Sampaio segundo as recomendacións das autoridades sanitarias e sempre coa seguridade de pacientes e profesionais de Atención Primaria coma máxima prioridade para adaptarse con maior garantía á continxencia do coronavirus.

Compre lembrar que, coma noutras moitas localidades de toda Galicia, a atención sanitaria pública en Ponte Sampaio veuse condicionada e modificada pola incidencia do coronavirus, o que refrendou o compromiso da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés de garantir en todo momento a xa mencionada seguridade tanto dos pacientes desta parroquia coma dos profesionais do consultorio, cuxa distribución de espazos non cumpría ata o de agora os requisitos mínimos para desenvolver a actividade asistencial sen minimizar riscos.

Tras a reforma efectuada pola administración local de Pontevedra, o edificio xa pode habilitar dobres circuítos, contar cunha sala de illamento, así coma poder efectuar triaxe na súa entrada.

RECOMENDACIÓNS. Finalmente, o Servizo Galego de Saúde prega á poboación de Ponte Sampaio a manter durante a súa estadía no consultorio as recomendacións preventivas xa coñecidas en prevención da covid, gardando a distancia de seguridade, o uso de mascarilla e evitando concentracións de persoas nos espazos asistenciais.

Lémbrase, así mesmo, a disponibilidade de pedir cita telefónica para evitar atrasos e posibles colas no interior das instalacións sanitarias.