Regresa ao Campus o programa 'Falamos' con todas as actividades presenciais

A iniciativa da Universidade de Vigo e do Concello, que busca aumentar o número de galegofalantes entre o estudantado, inclúe clubs de lectura e de conversa, ademais de talleres de cociña e de teatro
undefined
photo_camera Alberto Oubiña, Jorge Soto e Fernando Ramallo, mostrando o material promocional de 'Falamos'. GONZALO GARCÍA

Clubs de lectura e de conversa, e obradoiros de cociña e de teatro forman parte, no primeiro cuadrimestre do curso, da segunda edición do programa 'Falamos', que volven poñer en marcha o Campus de Pontevedra e o Concello co obxectivo de aumentar o número de galegofalantes entre o estudantado universitario.

"Estando como estamos nunha situación epidemiolóxica completamente diferente á do curso pasado, todas as actividades pasarán a ser presenciais", avanzou o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, como a grande novidade desta iniciativa, na que se inscribiron 200 persoas o curso pasado.

"Esta é a segunda edición de 'Falamos', aínda que en realidade a anterior podía considerarse unha edición cero, porque estivo marcada por todas as complicacións derivadas da pandemia e porque nos serviu en grande medida para testar que funcionaba e que non", explicou o concelleiro. Da mesma maneira, segundo explicaron os organizadores da proposta, este cuadrimestre irase vendo como funcionan as distintas actividades propostas e cambiaranse ou ampliaranse segundo demande o estudantado.

O proceso de inscrición ábrese este martes en Ciencias Sociais (de 10.00 a 13.00 horas) e en Belas Artes (de 16.00 a 19.00). Alí estarán instaladas casetas para apuntarse ao programa. Este mércores colocaranse en Forestais (á mañá) e en Belas Artes (á tarde). Finalmente, o xoves pasarán de novo por Ciencias Sociais, á mañá, e por Fisioterapia, á tarde.

As persoas que se acheguen a inscribirse recibirán unha bolsa con material promocional de 'Falamos'. A semana que vén terá lugar unha xuntanza na Casa das Campás para tratar de adaptar as actividades aos horarios e á dispoñibilidade dos participantes.

"Os obxectivos do programa seguen sendo os mesmos que o ano pasado", explicou Oubiña. "O principal, axudar a castelanfalantes que queren dar o paso de comezar a usar o galego como idioma principal a facelo e así reverter o proceso de ocultación da lingua. E que mellor momento para dar este paso que nun de tantos outros cambios como é o da chegada á Universidade".

Voluntariado. O director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, Fernando Ramallo, contou que o club de lectura que se porá en marcha estará coordinado por Aurora Redondo e que nel participarán os autores e autoras dos que se lean obras.

O club de conversa, que se realiza contando con voluntariado galegofalante, é unha das actividades que sofre un cambio importante. Pasarase de conformar grupos de dúas persoas a grupos de ata cinco. O taller de cociña correrá a cargo de Bolboretas no bandullo. E, finalmente, o obradoiro de teatro, coordinado por Vicky Estévez, preparará unha performance para realizar pola rúa cara finais de ano.

Tanto Ramallo como o vicerreitor do Campus, Jorge Soto, insistiron onte en que a promoción do uso do galego é unha cuestión central na Universidade de Vigo. "Queremos ser referente tamén no uso da lingua", dixeron.

Comentarios