Regresan Pisando Forte e a Escola Feminista para axudar nos desafíos actuais dos mozos

Os programas impulsados pola Concellería de Xuventude están pensados para persoas de 15 a 35 anos e xa están abertas as solicitudes para reservar praza
O edil de Xuventude, Alberto Oubiña, presentando os programas. DP
photo_camera O edil de Xuventude, Alberto Oubiña, presentando os programas. DP

Tras o éxito obtido este ano co Ponteverán e Xeración Sónica, o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, presentou este mércores unha nova edición da Escola Feminista para a Mocidade e Pisando Forte. Trátase de dous programas relacionados pero diferentes, pensados para os mozos de entre 15 a 35 anos e cuxo obxectivo e áchegar ferramentas no eido da empregabilidade, así como dar luz ás "inquedanzas e as novas maneiras de ver o mundo, xunto con todas aquelas necesidades que van xurdindo", explicou o edil de Xuventude.

Ambas iniciativas desenvolveranse desde novembro ata o mes de marzo. Teñen prioridade as persoas empadroadas en Pontevedra e os menores de 35 anos, pero no caso de quedar prazas baleiras, podería ampliarse o rango de idade e tamén se poderá abrir a personas de fóra de Pontevedra. Ademais, en todas as accións formativas se reservarán dúas prazas para persoas con discapacidade.

A Escola Feminista procura ser un espazo activo de formación, encontro e reflexión colectiva con perspectiva feminista, mentres que Pisando Forte é un programa formativo para a autonomía, emprendemento e desenvolvemento persoal a través de formacións de carácter totalmente diverso, dinámico e actual. "Coa formación obtense un certificado de asistencia para pór no currículum", explicou Oubiña, especificando que xa está dispoñible a solicitude para reservar prazas. "Ninguén quedará sen actividade", subliñou o edil .

Nesta edición, algunhas das novidades que se destacaron foron os obradoiros de Maldita.es para distinguir a información fiable, xa que "é necesario combater os discursos de odio e os bulos que circulan pola rede". Outra das moitas novidades é O Baño de Bosque, coa que se pretende dar técnicas de relaxación e fortalecer o sistema inmunolóxico.

Os cursos contan cun orzamento de 18.500 euros. Destes, 10.500 son de Pisando Forte e 8.000 euros da Escola Feminista.

As persoas que precisen máis información ou rexistrarse pode facelo nas webs do Concello.

Comentarios