A rehabilitación da Casa Consistorial será contratada "neste ano"

Anabel Gulías presentou este xoves o anteproxecto de rehabilitación do edificio, que inclúe a instalación dun elevador
Anabel Gulías. Ao fondo, planos do anteproxecto de remodelación do Concello. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Anabel Gulías. Ao fondo, planos do anteproxecto de remodelación do Concello. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Un edificio accesible, versátil, solemne e útil. É o que busca o anteproxecto de remodelación da Casa Consistorial presentada este xoves pola portavoz do Goberno, Anabel Gulías, que adiantou que agarda poder levar a cabo a contratación deste proxecto "neste ano". Deste xeito, a concelleira debullou os detalles da proposta do estudo de arquitectura u+a, de Jorge Acuña e Gracia Amandi. Un dos máis relevantes será que o Concello cambiará a súa fachada principal, de modo que a entrada habitual ao edificio será a da rúa Alhóndiga, como era tradicional no antigo Consistorio, sobre o que se construíu o actual inmoble en 1879.

"Historicamente o edificio vía cara á cidade e a parte da Praza de España daba á muralla", explicou Gulías. Recuperar a entrada pola rúa Alhóndiga será, deste xeito, unha das principais novidades. A porta da Praza de España quedará pechada e abrirase só para ocasións especiais. As oficinas de turismo que agora ocupan o lugar serán eliminadas, así como as portas de cristal, para dar protagonismo ás escaleiras centrais do edificio.

Garantir a accesibilidade ao edificio era un dos grandes retos, polo que se proxecta a instalación dun elevador á esquerda da entrada principal (dende a mencionada rúa Alhóndiga). Este elemento foi colocado estratéxicamente para non interferir con ningún elemento arquitectónico de carácter patrimonial que supoña ter que solicitar permiso a Patrimonio para a obra nun edificio asinado polo arquitecto Sesmero e que suma máis de 140 anos.

"Trátase dun proxecto ilusionante que busca a flexibilidade e a versatilidade tendo en conta toda a solemnidade que esixe o edificio", explicou Gulías, que adiantou que o proxecto avanza "a bo ritmo" e confía poder presentar o proxecto de execución o vindeiro mes para dar o seguinte paso, que sería sacalo a contratación. O custo aproximado da obra, aínda pendente de concretarse cando o proxecto sexa definitivo, sitúase en 569.000 euros.

Na planta baixa. respectando a estrutura do edificio, habilitarase un vestíbulo e unha rampa de acceso ao elevador. Á dereita da entrada construiranse uns aseos accesibles e unha sala de lactancia.

É un proxecto ilusionante que busca a flexibilidade e versatilidade, tendo en conta a solemnidade que ten que ter o edificio

O primeiro andar, tal e como avanzara xa Gulías previamente, será destinado fundamentalmente á celebración de plenos, actos relevantes da vida social da cidade e recepcións institucionais. Alí o espazo queda dividido en tres grandes franxas. Cara a fachada da Praza de España situarase o salón de plenos que funcionará como un espazo multifuncional e con capacidade para acoller sesións plenarias, cerimonias de bebés e vodas, así como outros actos de relevancia da vida social e cultural da cidade. Gulías explicou que de cara a garantir esta funcionalidade se fará un esforzo especial en canto a mobiliario e almacenamento precisos, e que se concibe todo o espazo como transformable e adaptable a diferentes necesidades, quedando unicamente como elemento fixo a cabina de telecomunicacións.

Cara a fachada da rúa da Alhóndiga está previsto que se sitúe o despacho do alcalde, destinado ás audiencias e recepcións institucionais. Cara esa fachada tamén se sitúa, ao lado do despacho do alcalde, unha sala auxiliar para tarefas de protocolo e comunicación, quedando cara o lado dereito espazo para unha sala de agarda e cara a esquerda sitúase o elevador e unha zona de almacenamento.

No proxecto de execución poderán introducirse pequenos axustes pero sen variar esta disposición básica dos espazos, tal e como indicou Gulías. 

Avanzamos a bo ritmo e agardamos poder presentar o proxecto e execución nun mes