Marea Pontevedra va a por todas

O partido político chegou "para quedar" e "darlle un novo impulso á cidade"

Rei e Casal, en primeiro termo, ao inicio do acto de presentación na Casa da Luz. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Rei e Casal, en primeiro termo, ao inicio do acto de presentación na Casa da Luz. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

"En ningún caso apoiaremos a investidura de quen, por hixiene democrática, ten que retirarse", afirmou Luís Rei, en alusión a Fernández Lores, na presentación da candidatura de Marea Pontevedra ás eleccións municipais do 26 de maio.

A Casa da Luz acolleu este sábado pola mañá un acto que estaba previsto celebrar nunha praza aberta ao público, pero que o remate "do simulacro de verán", impediu. Rei foi o último en intervir ante un auditorio de fieis entre os que se atopaban 24 das 25 persoas que integran a lista. "Chegou a hora" é o lema da campaña, porque a Marea Pontevedra "hai que roela", en palabras do número tres, Manuel Fontán.

Carmen González Peque, número catro e coordinadora da formación, lembrou que hai catro anos "viñemos para mover os marcos da autocomplacencia do Goberno local", pero tamén para loitar pola caducidade da concesión de Ence e Elnosa, contra a A-57 ou a ampliación da EDAR dos Praceres. Un dos grandes fitos do mandato que agora remata, apuntou, foi conseguir a aprobación da renda social municipal". Moveron outros marcos como "o de mirar para outro lado" á hora de esixir escolas infantís municipais, unha residencia da terceira idade ou que o Hospital Provincial manteña o uso sanitario, e "descubrimos as mentiras e a propaganda" do Goberno de Lores, "canso, ineficaz e prepotente, que afoga a entrada de aire fresco". Por iso apostan por impulsar a participación cidadá.

Rei: "Que leven de paseo a Tonucci por Mollavao ou polos praceres"

Manuel Fontán subliñou a aposta de Marea polo "traballo, dedicación e compromiso coas persoas" e tamén "coa defensa da vida nas parroquias, coa ría e co aire limpo". Así, criticou "a política ao servizo dos poderosos" e un modelo de desenvolvemento obsoleto que "asigna ás parroquias o papel de sumidoiro". "Queremos que criar fillos no rural non sexa nada heroico", polo que se precisaría "un transporte digno, ecolóxico, público e eficiente" e "unha Internet do século XXI para que as pequenas empresas poidan aproveitar as posibilidades dun territorio tan rico".

PERIFERIA. Unha das máis aplaudidas foi Carmen Moreira, actual edil, que pecha a candidatura. Amosou o seu orgullo polo conseguido nestes catro anos e louvou á súa sustituta, Teresa Casal. A antiga concelleira socialista confesou sentir "dinosauros no estómago" por este "recomezo" no que lembrou ao seu curmán Avelino Lage, recentemente finado. "Hai oito anos marchei do Concello deixando un traballo froito do empeño e a ilusión e agora miro a Pontevedra e vexo unha cidade que dá voltas sen avanzar".

"En ningún caso" Marea Pontevedra apoiará a hipotética investidura de Lores

Tanto ela como Rei fixeron fincapé en que o modelo de cidade, tan premiado, exclúe a espazos "da periferia" ou directamente "tercermundistas" como O Castañal e as rúas transversais á avenida María Victoria Moreno ou a Loureiro Crespo, así como as Moureiras. "Eses veciños non teñen os mesmos servizos, pero si as mesmas obrigas. O alcalde non presume delas cando vai polo mundo como un novo Gulliver porque para el non existen".

"A Tonucci hai que levalo de paseo ao Castañal, aos Praceres, a Mollavao, a Lérez e a barrios dos que non se presume", apuntou Rei. O candidato argumentou o apoio aos Orzamentos municipais "polo ben común", pero postulouse como a alternativa a un "modelo esgotado" e opción para os antigos votantes de BNG, PSOE e Ciudadanos que quedaron desencantados. Por iso quere desbancar a Lores, "un alcalde de retirada á fronte dun equipo de demetrios coa idea de deixar todo atado e ben atado".

Cremallera, paritaria e con presenza no rural
A candidatura de Marea Pontevedra está composta por 12 homes e 13 mulleres. Conta con representación do casco urbano e de varias parroquias e inclúe xente de diversas idades e dedicacións.

Tralo candidato, Luís Rei, os dez primeiros postos están ocupados por Teresa Casal (2), Manuel Xesús Fontán (3), Carmen González Peque (4), Jaime Acuña (5), Herminia Dios (6), Guillermo Casalderrey (7), Alicia Fernández (8), Xosé Lois Vidal Laíño (9) e María Luisa Lores Mariquiña (10).

25 integrantes
Os 15 postos que completan a candidatura inclúen a persoeiros coñecidos como César Maquieira, activista pola accesibilidade universal; Cruz Villaverde, de Salvemos a Fracha, ou a praceira Celia Abal.

 

Comentarios