Reis Magos con máscara e distancia de seguridade en Pontevedra

Melchor, Gaspar e Baltarsar levan percorrendo a cidade e as parroquias dende as nove da mañá, a pesar dalgún pequeno percance: "O coronavirus non vai poder coas súas Maxestades" 
Melchor saluda desde su carroza en la calle Benito Corbal. RAFA FARIÑA
photo_camera Melchor saúda dende a súa carroza na rúa Benito Corbal. RAFA FARIÑA

"Os nenos e nenas de Pontevedra non podían quedar sen Reis". As sirenas dos coches da Policía Local anunciaban na mañá deste luns a chegada de Melchor, Gaspar e Baltasar á Praza de Galicia, onde foron recibidos polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Festas, Carme da Silva. Chegaban con algo de atraso debido a un problema mecánico nun dos vehículos que os transportaban, o que obrigou a un dos monarcas a desprazarse nun coche convencional. "Hai que lembrar que os Reis son magos, non mecánicos", explicaba a concelleira. Tamén comezaron polo rural o seu percorrido con algo de atraso, un problema que afectou sobre todo á parroquia de Lérez.

"Non podiamos faltar a esta cita con Pontevedra", explicou Gaspar aos xornalistas que se congregaron para recibir ás Súas Maxestades de Oriente.

"Tiñamos moito medo de que non nos convidaran, pero o alcalde ata nos enviou uns coches especiais para poder vir. Por primeira vez, os pontevedreses non van ter que ir ver aos Reis, imos ir os Reis a velos a eles. Pasaremos por todas as rúas, para que os veciños e veciñas estean tranquilos e seguros. O coronavirus non vai poder coas súas Maxestades".

O Concello de Pontevedra substituíu, este Nadal da pandemia, a tradicional cabalgata por uns Reis Magos con máscara e distancia de seguridade, que percorren a cidade en vehículos motorizados especiais ao longo de todo o día, pasando polo centro, os barrios e as parroquias. "Levamos percorrendo a cidade dende as nove da mañá e seguiremos todo o día, ata as nove da noite. Ningún neno ou nena quedará sen saudar polas súas Maxestades", insistía Gaspar. "Agora temos que marchar para seguir o percorrido. Coidádevos moito, que o ano que vén seguro que volvemos ter unha cabalgata longa como todos os anos".

Iso mesmo, que o ano que vén volvese a tradicional cabalgata de Reis, foi o que desexou o alcalde. "Neste ano diferente supuxo un esforzo moi grande esta actividade, pero tiñamos que facela porque os nenos portáronse de marabilla, sobre todo cando houbo confinamento, e segurísimo que van recibir moitísimos agasallos", contou Lores. "Os nenos das parroquias este ano, por primeira vez, tamén van poder ver aos Reis aínda que sexa para saudalos mentres pasan no coche. Esperamos que o ano que vén poidamos volver facer a cabalgata. Pero os nenos e nenas de Pontevedra non podían quedar sen os Reis Magos".