A reivindicación da EEI de Verducido pola aula eliminada chega ao Entroido

A comunidade educativa quere protexer a súa escola "dos piratas da Xunta" participando nos desfiles de Pontevedra e da súa parroquia
O alumnado da EEI de Verducido participa na preparación do Entroido. CEDIDA
photo_camera O alumnado participa na preparación do Entroido. CEDIDA

Protexer a súa escola dos "piratas da Xunta" é o obxectivo da comunidade educativa da EEI de Verducido, que estes días se está reunindo para confeccionar a carroza e os disfraces de corsarios que levarán na súa "reivindicación carnavalera". Escolares, familiares e a propia veciñanza participarán no desfile de Entroido de Pontevedra, este mesmo sábado; no organizado polas asociacións da parroquia o 29 de febreiro no pavillón e, por suposto, no que celebrarán na propia escola este venres 21 a partir das 11.30 horas.

O obxectivo desta mobilización festiva é reivindicar o centro e evitar que leven a cabo retallos por parte da Consellería de Educación que poñan en perigo o seu futuro, "trunquen os seus recursos e afoguen a súa existencia", así como protestar pola "desatención" do xefe territorial, César Pérez.

Segundo explica a comunidade educativa, a escola leva mantendo unha matrícula de 30 escolares desde hai dúas décadas con dúas mestras de Infantil e unha para os dous cursos de Primaria. Este profesorado, xunto ao de apoio, que se comparte con outros centros, formou unha comunidade educativa que "permitiu desenvolver un proxecto educativo que lle deu sona en toda a contorna e do que se senten orgullosos".

Non obstante, no pasado curso, a Consellería anunciou a supresión dunha das aulas de infantil e unha das dúas prazas fixas de mestra pese á "recuperación económica", o que bateu coa oposición da parroquia. En Verducido entenden que é unha medida inxusta e que non favorece ao rural despois de "todos estes anos resistindo e loitando pola supervivencia" desta escola tan especial para eles, que vai máis aló das paredes do centro e que atrae a familias de fóra da parroquia.

Comentarios