Reivindicación e memoria centran a homenaxe a Bóveda no Día da Galiza Mártir

O acto organizado en Poio serviu para pedir que se institucionalice como festivo nacional o 17 de agosto, reivindicar ás vítimas do franquismo e reclamar os valores polos que loitou o galeguista
IMPORTANTE POSIBLE PRIMERA A Caeira Poio Monumento a Alexandre Boveda Actos do Dia Galiza Martir (BCR_431.JPG)
photo_camera Ofrenda floral na escultura adicada a Alexandre Bóveda na Caeira. BEATRIZ CÍSCAR

Unha xornada de lembranza e de celebración, pero sobre todo de reivindicación. Así foi o acto organizado polo Concello de Poio na Caeira, fronte á escultura en homenaxe a Alexandre Bóveda, símbolo das e dos galegos asasinados e represaliados durante a guerra civil e o franquismo. Nel participaron a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; a Corporación local poiense encabezada polo seu alcalde, Luciano Sobral, e a concelleira de Memoria Histórica, Marga Caldas; a filla do ilustre galeguista, Amalia Bóveda; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e unha ampla representación de concelleiros do BNG e do PSOE capitalinos; a deputada provincial de Memoria, María Ortega; representantes das fundacións Alexandre Bóveda e Castelao, as rexedoras nacionalistas de Tomiño e do Rosal, así como un elevado número de persoas que se quixeron sumar ao evento.

Despois dos dous últimos anos de restriccións pola pandemia, a homenaxe recuperou este mércores a esencia coa que se vén celebrando desde o ano 1996 e, nesta ocasión, aínda con máis forza, pois a xornada foi festiva en todo o municipio de Poio por acordo do Concello.

IMPORTANTE POSIBLE PRIMERA A Caeira Poio Monumento a Alexandre Boveda Actos do Dia Galiza Martir (BCR_433.JPG)
Autoridades no acto de homenaxe a Alenxandre Bóveda celebrado na Caeira, en Poio. BEATRIZ CÍSCAR


Extender esa festividade do 17 de agosto a toda Galicia foi, precisamente, unha das reivindicacións que dirixiu á Xunta a concelleira Marga Caldas, que foi a encagarda de abrir e conducir o acto. A edil tamén engadiu que este día "máis que nunca", cómpre "lembrar, reivindicar e dar voz ás historias silenciadas" de todas as vítimas do franquismo e "poñer nomes e apelidos a todas as mulleres e homes" cuxos restos aínda continúan desaparecidos. Así mesmo, a edil pediu que "non caian no esquecemento as mulleres mártires que foron vexadas e represaliadas" na guerra civil e durante a ditadura e engadiu que "non haberá motivo de celebración ata que os tribunais non retiren os cargos das persoas xulgadas no franquismo".

Posteriormente tomou a palabra o representante da Fundación Alexandre Bóveda, Miguel Anxo Seixa, que definiu ao galeguista homenaxeado como "un valente nun país onde abundan os cobardes" por "crer na xustiza social e redistributiva e en que hai que sumar e non restar" e por ser "o motor" do Partido Galeguista e do Estatuto de Autonomía.

David Otero, da Fundación Castelao, lembrou que a día de hoxe "aínda hai moito que restaurar" no sistema actual.

Amalia Bóveda pon en valor "a loita pola xustiza" e por "construír unha sociedade baseada nos dereitos de todos e todas"


Foi a filla de Bóveda, Amalia, a que levou a cabo unha das intervencións máis emotivas, dando as grazas "dende o fondo do meu corazón e da miña razón" e destacando que o acto deste mércores non foi para "valorizar o sufrimento", porque "este en si mesmo non é un valor", senón que se trata de valorizar "a loita pola xustiza" que protagonizaron persoas coma o seu pai e "milleiros de mártires" que, coma el, deben ser recoñecidos como "patrimonio democrático" por ter loitado "por construír unha sociedade baseada nos dereitos de todos e todas".

Tras a entrega do Premio Galiza Mártir, que este ano foi outorgado aos historiadores Carlos Babío e Manuel Pérez, autores do libro Meirás: un Pazo, un caudillo, un expolio, pechou o acto o alcalde de Poio, Luciano Sobral, que definiu a Bóveda como "o noso guía, a nosa estrela, o que nos acompaña día a día na cabeza e no corazón" e reivindicou a necesidade de transmitir ese recoñecemento a futuras xeracións "para seguir facendo do país un lugar mellor".

"O BNG é a obra coa que soñou Alexandre Bóveda"

Ana Pontón, durante o acto. BEATRIZ CÍSCAR
Ana Pontón, durante o acto. BEATRIZ CÍSCAR

[EFE] A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou este mércores en Pontevedra a figura de Alexandre Bóveda e asegurou que o partido que lidera é a obra coa que el soñou.

"O BNG non deixa de ser a obra coa que soñou Bóveda, o partido galeguista do século XXI, que el empezou nun período histórico tan ilusionante e que hoxe se mantén vivo", dixo Pontón durante o acto de conmemoración deste mércores.

Pontón asegurou que é "máis necesario que nunca" manter viva a memoria dos represaliados en 1936 e nos anos posteriores, todos eles exemplificados en Bóveda, quen foi asasinado "simplemente por defender as súas ideas, o seu amor a Galicia e a República".

A portavoz do Bloque citou de memoria a Bóveda: "A miña patria natural é Galicia, ámoa ferventemente, nunca a traizoaría, aínda que me desen séculos de vida", palabras que, dixo, poñen "a pel de galiña", polo que é necesario manter o seu legado.

"Bóveda vive en nós", asegurou Pontón, quen, como fixo hai un ano, volveu a reclamar un financiamento propio para Galicia, tal e como no seu momento reivindicou a propio Bóveda, autor dos primeiros estudos que demostran que o Estado recada máis en Galicia do que logo inviste.

Pontón aproveitou a ocasión para denunciar a actitude do Partido Popular, que tras 14 anos no Goberno autonómico "nin lembra, nin honra, nin recoñece a persoas tan importantes como Bóveda".

O BNG fará xusto o contrario cando alcance o goberno, segundo Pontón, poñendo así fin a "todos estes anos de desprezo e malos tratos a figuras como a de Bóveda" e subliñando a importancia da recuperación da memoria.

Comentarios