Remata a obra de rehabilitación integral da rúa da Torre e a súa nova iluminación pública

O Concello prevé a reforma da rúa da Santiña para darlle un tratamento similar ao resto do Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade
Imaxe do estado da rúa, coas obras xa rematadas. DP
photo_camera Imaxe do estado da rúa, coas obras xa rematadas. DP

A rúa da Torre xa amosa o seu novo aspecto tras o remate das obras de rehabilitación integral, que incluíron a reposición da capa de rodadura con plataforma única, o calmado do tráfico e a renovación de toda a iluminación pública. Da finalización desta actuación informou onte o concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, no marco da Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos.

Convén lembrar que esta intervención, cun orzamento de 91.499,99, forma parte dunha serie de rehabilitacións integrais que se están a acometer no barrio do Burgo e que, entre outras, prevé a reforma da rúa da Santiña para darlle un tratamento similar ao resto do Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade, así como a reordenación do tráfico para limitalo ao estritamente necesario para o funcionamento do barrio. Neste contexto, o deseño da rehabilitación da rúa da Torre acometeuse a semellanza das rehabilitacións realizadas en vías rurais de Pontevedra por ser o tipo de actuación que mellor se adapta á configuración da rúa.

Comentarios