"Volando, fui a Mingorrubio volando, mis seguidores mientras tanto, cantaban el 'Cara al Sol"

A final acolleu a actuación das murgas Leña Verde, Equipo Ja, Val do Lérez, Jana de Leria e A Tropa de Moncha a Caralla ►O traslado dos restos de Franco, a varanda da ponte do Burgo e o Satisfyer foron algúns dos temas máis recorrentes
Integrantes de Val do Lérez, a agrupación gañadora no Certame de Murgas 2020. DAVID FREIRE
photo_camera Integrantes de Val do Lérez, a agrupación gañadora no Certame de Murgas 2020. DAVID FREIRE

Ao ritmo da canción de cabeceira da serie de televisión O príncipe de Bel-Air estreábanse os integrantes de Leña Verde sobre o escenario do Pazo da Cultura, que acolleu este xoves a final do Certame de Murgas do Entroido de Pontevedra. "Alí en Vilalonga cresín toda a vida/ xa era o jefe do barrio e tamén da miña pandilla,/ tamén na clase era o máis espabilado/ porque todos os anos me votaban delegado", adicábanlle os murgueiros ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que estivo presente na festa final das chirigotas pontevedresas.

Boa parte das agrupacións presentouse con letras adicadas á parella formada por Pedro Sánchez e Pablo Iglesias, ao xoguete sexual de moda ou ao narcosubmarino aparecido na ría de Aldán.

Os segundos en subir ao escenario foron Equipo Ja, ataviados con roupa deportiva e caracterizados como persoas da terceira idade que se poñen en forma nos parques da cidade repasaron algúns temas de actualidade durante os últimos meses como a presenza de ratos na zona vella ou as luces de Nadal de Vigo. O traslado dos restos de Franco do Valle de los Caídos foi outro dos temas recorrentes. "Volando, fui a Mingorrubio volando, mis seguidores mientras tanto, cantaban el Cara al Sol", entoaba Equipo Ja coa melodía de Alaska. O Satisfyer estivo presente en todas as aparicións das murgas. "Así, así, acércao a túa vaxina/ así, así, verás cómo suspiras", cantaban.

Os do Val do Lérez foron vestidos de vexetarianos e contaron a historia dun "amor de vegano", que os fixo deixar de comer carne. "Eu xa non che teño sangre/ eu teño leite de avena", contaban. Logo comezaron a repasar as noticias. "Cáeseme a baba, por unha boa chuleta/ son un vegano máis falso que o abrazo de/ Pedro Sánchez e o Coletas".

Tocaron tamén asuntos como o medo ao coronavirus, o límite de velocidade a 10 quilómetros por hora ou a nova varanda da ponte do Burgo. "Coa barandilla e todo ese lucerío parece a porta de calquera puticlub", entoaban nas súas coplas referíndose á ponte.

Fixeron referencia á ampliación de Montecelo comparándoa cos dez días que tardaron en China en construír un hospital para tratar a enfermos do coronavirus. "Y lo que tenemos por aquí/con MiLores y Feijóo, que no se ponen de acuerdo/llevan más de ocho años a vueltas con Montecelo". Na intervención da murga estiveron presentes tamén personaxes relevantes como Greta Thunberg ou o Papa.

Os seguintes en subir ao escenario foron os chirigoteiros da murga grovense Jana de Leria. "Os homes xa empezaron a sobrar/ nin para o sexo falta fan", entoaban falando do sucionador de clítoris.

A quinta murga en actuar foi A Tropa de Moncha a Caralla, que adicaron coplas á sanidade xestionada por Feijóo, das aglomeracións no Náutico de O Grove ou do traslado dos restos de Franco.

Comentarios