Comezan as obras de renovación do parque infantil de Salcedo

Esta actuación conta cun orzamento que rolda os 25.000 euros
O Concello xa comezou os traballos neste espazo infantil. DP
photo_camera O Concello xa comezou os traballos neste espazo infantil. DP

O parque infantil situado ao carón do Centro Cultural de Salcedo está actualmente en obras por renovación do pavimento e limpeza, lasurado e recolocación dos xogos. Estes traballos, que contan cun orzamento de 24.512 euros, teñen por obxecto garantir a seguridade dos e das máis cativas, a través da renovación e adecentamento dos distintos elementos desta área.

"Esta actuación responde a unha demanda da veciñanza para mellorar a seguranza das crianzas que xogan nel, posto que o principal elemento que renovamos, que é o pavimento, está especialmente deseñado para amortiguar os impactos", explicou o concelleiro de Coordinación do Rural, Alberto Oubiña.

Así, xa se procedeu á retirada do antigo pavimento de cortiza e, sobre a base de xabre que quedou ao descuberto, procederase á colocación dun pavimento de seguridade de caucho. Sobre este revestimento de seguridade colocarase céspede artificial. A esta actuación sumarase o lavado, lasurado e recolocación de todos os xogos desta área.

Comentarios