Renovación e reapertura do parque infantil de Ponte Muíños

Os traballos impulsados pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e executados pola empresa Garocaprim SL permitiron optimizar as condicións de seguridade desta zona de xogos
Un dos elementos do parque. DP
photo_camera Un dos elementos do parque. DP

O parque infantil de Ponte Muíños volve a ser un espazo seguro para que os rapaces xoguen. Así o anunciou a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural que "continúa a avanzar con paso firme no seu obxectivo de que tódolos parques infantís de Pontevedra se manteñan en óptimas condicións de conservación e poidan obter unha certificación de seguridade emitida pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC)".

O edil responsable do departamento municipal, o socialista Iván Puentes, desprazouse esta mañá de venres ata o barrio de Ponte Muíños en compañía do xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, para supervisar a reapertura da área de xogos situada na rúa dos Matos de Arango, nas proximidades no Complexo Deportivo Supera Rías do Sur, despois de que a empresa Garocaprim SL acometese un proxecto de rehabilitación integral.

Puentes, que tamén estivo acompañado por Isolino García e Pedro Silva, responsables da firma construtora, puido comprobar “o excelente resultado duns traballos que supuxeron a reposición de todo o pavimento desta área de lecer, a reparación do valado perimetral e a substitución e tratamento dos elementos deteriorados ou en mal estado de conservación”.

O proxecto incluíu a restauración de travesas e táboas de madeira, a correcta fixación de postes ao chan, o lixado de todo o valado polas súas dúas caras e o correspondente tratamento de conservación da madeira mediante a aplicación de dúas mans de verniz lasur.

Asemade, tal e como constatou o concelleiro do PSOE, “tamén se inspeccionaron os diversos xogos, substituíndo táboas deterioradas e lixando os mesmos, repoñendo aqueles parafusos e tapóns en mal estado e aplicándolles un lasurado e unha man de pintura especial a todas aquelas pezas pintadas”.

Comentarios