Reparan unha fuga de auga na rede que abastece a Marín e Bueu

A avaría localizase nunha tubaxe colgada na ponte de Santiago e os traballos durarán entre dúas e tres semanas
El puente de Santiago. ARCHIVOJPG
photo_camera A ponte de antiago. ARQUIVO

A empresa concesionaria do servizo de subministro da auga de Pontevedra inicia este mércores a reparación dunha avaría localizada na rede, concretamente nunha tubaxe colgada na ponte de Santiago. Esta parte da canalización pertence á rede que abastece a Marín e Bueu.

Os traballos de reparación teñen unha duración estimada de entre dúas e tres semanas, segundo informou o Concello este mércores. Na tubaxe detectouse unha fuga na beira do estribo na marxe esquerda. Os traballos de reparación implican a instalación dunha estada no exterior, baixo a ponte, para acceder á zona na que se produciu a avaría, polo que só se poden realizar aproveitando a marea baixa.

Paralelamente, tamén se abrirá un acceso á galería de servizos, na glorieta de Pai Amoedo. Esta reparación é unha necesidade para frear a fuga de auga que se está a producir no punto da avaría e para garantir un estado óptimo de toda a rede de subministro a Pontevedra, Marín e Bueu.

Neste momento, o abastecemento a Bueu e Marín estase realizando polo subminsitro alternativo da rede de Mourente.

Estes traballos de reparación, indica o Concello, son acometidos por ser o servizo de auga "esencial". No plan de obra presentado pola empresa garántense todos os protocolos de seguridade e prevención de obrigado cumprimento durante o estado de alarma.

Comentarios