A réplica do petróglifo Auga dos Cebros xa está en Oia

A peza foi elaborada pola Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia 
Traballos da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia enn Oia. DP
photo_camera Traballos da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia enn Oia. DP

A réplica do singular petróglifo de Auga dos Cebros, elaborada pola Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, está xa en Oia, onde quedará exposta no interior do Centro Sociocultural de Pedornes.

O proxecto de elaboración da réplica de Auga dos Cebros naceu no ano 2019 promovido pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pedornes -titular dos terreos nos que se atopa o xacemento arqueolóxico- e máis pola Asociación Costa dos Castros co obxectivo de contar cunha reprodución fiel deste singular e valioso gravado rupestre.

A intervención comezou en xuño de 2019 coa intervención do orixinal e da contorna, así coma a da creación do molde, e finaliza en 2021 co remate da réplica na Escola e a súa instalación en Pedornes.

A iniciativa desenvolveuse co financiamento do Concello de Oia e máis da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, que foi a encargada de acometer os traballos.

A finalidade última de contar cunha réplica fiel dos gravados de Auga dos Cebros é a salvagarda deste patrimonio fráxil e en risco, protexendo o xacemento mediante documentación. Neste sentido, cabe lembrar o proceso de deterioro que, debido á acción de distintos axentes, está a rexistrar esta importante mostra da arte rupestre do noroeste peninsular.

Este venres, ás 12.00 horas, realizarase unha presentación dos resultados do proxecto no Centro Sociocultural de Pedornes. A presentación incluirá unha visita ás dúas réplicas elaboradas: a do petróglifo de Auga dos Cebros 1 -que representa varias figuras de cuadrúpedes e unha embarcación de tipoloxía mediterránea- e a de Auga dos Cebros 2 -que representa outra embarcación-. Ambas están xa instaladas no Centro Sociocultural de Pedornes.

O petróglifo sitúase en terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pedornes, nun espazo arborado próximo ao río Vilar que rexistra unha elevada densidade de gravados rupestres.