A represión da sexualidade feminina no franquismo a debate na Deputación

As xornadas Individuas de dudosa mora analizarán os roles da muller, a Sección Feminina e o roubo de bebés
undefined
photo_camera Fotografía de arquivo da edición de 2021 das Xornadas de Memoria Histórica. ADP

As mulleres eran entrenadas durante o franquismo a través de institucións como a Sección Femenina para "ser complemento e sustento do varón". Non podían ser máis que nais e esposas e cumprir o seu rol de 'anxo do fogar', e as que non querían seguir o camiño dun matrimonio ou da maternidade apenas tiñan como saída o convento, a loucura ou quedar solteira 'en servizo aos demais'.

Estes feitos e tamén o roubo de bebés, a persecución das mulleres lesbianas e o Patronato de Protección a la Mujer como cárcere de "descarriadas" serán hoxe o centro do debate das xornadas Individuas de dudosa moral que organiza o departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, e que toman ese título por ser unha das acusacións que aparecen nos expedientes do franquismo para referirse a quen non encaixaba dentro dos perfís aprobados polo réxime para o sexo feminino.

As prazas presenciais para asistir están cubertas dende practicamente o día seguinte á apertura da inscrición, mais todas as persoas que estean interesadas en seguir os relatorios poderán facelo en directo en liña a través da páxina web da Deputación. As charlas poderán consultarse a partir da semana próxima na canle de Youtube provincial.

O programa abrirase ás 11.30 da mañá coas intervencións institucionais para dar paso á historiadora María Victoria Martins falando de como a ditadura reprimiu non só ás vítimas directas, senón a todas as mulleres en xeral. A súa charla titúlase A negación da sexualidade feminina. A sección Feminina.

A continuación iniciarase unha mesa redonda baixo o título O Patronato de Protección a la mujer: un cárcere para as descarriadas. A institución franquista será abordada por dúas das mulleres que máis a teñen estudado: a xinecóloga Enriqueta Barranco e a xornalista Llum Quiñonero, presidenta de Acción Ciudadana contra la impunidad del franquismo.

No coloquio daranse datos interesantes do funcionamento do Patronato de Protección a la mujer, que estivo activo desde 1943 ata 1986, xa na Democracia, como un sistema totalmente opresivo que podía privar de liberdade a calquera rapaza ou muller polo único feito da súa forma de vestir ou por quedar embarazada.

O roubo de bebés abrirá os relatorios da tarde con Soledad Luque, presidenta do colectivo que engloba á maioría das vítimas, "Todos los niños robados son nuestros niños", e unha das principales expertas na materia, acompañada pola avogada da súa asociación, Maite Parejo. Unha vítima viguesa, Marga Rodríguez, irmá dun bebé roubado, tamén contará a súa experiencia.

A última intervención da tarde abordará outro aspecto da represión contra a sexualidade das mulleres e permitirá tamén a coñecer de preto o padecemento que supuxo a ditadura para as mulleres lesbianas.

A activista Nanina Santos, historiadora, cofundadora da Asociación Galega da Muller, integrante da equipa da revista Andaina e profesora de ensino medio xubilada, dará o seu testemuño.

Proxección: documental 'Sacar a la luz'
A xornada pecharase coa proxección do documental Sacar a la luz, de Art al Quadrat, no que se verá como o misóxino franquismo humillou ás mulleres do bando perdedor da guerra civil española, recuperando a memoria das vítimas a través das mulleres que as precederon con testemuñas de fillas e netas.

Tomará a palabra de inicio a súa directora, María Dolores Martín-Consuegra MartínFontecha, psicóloga e doutora en Antropoloxía, e presidenta do Centro para la Investigación y la Memoria de los Crímenes de Género: Mujeres, Memoria y Justicia.

Comentarios