Resina para volver ao monte

O pontevedrés Xián Santos aposta pola extracción deste material como alternativa de explotación dos piñeirais en Galicia
Xián Santos (á esquerda) co seu compañeiro Lucas Iglesias en Pantón, este mércores. LUIS A. RODRÍGUEZ (EP)
photo_camera Xián Santos (á esquerda) co seu compañeiro Lucas Iglesias en Pantón, este mércores. LUIS A. RODRÍGUEZ (EP)

Resinar como opción de futuro. É a aposta do pontevedrés Xián Santos, que hai uns anos se mudou ao municipio lucense de Pantón para adicarse á extracción deste material. Atraído pola vida no rural, obtivo un título de Formación Profesional sobre xestión forestal e comezou os estudos de Enxeñería Forestal na UVigo. "Alí entrei en contacto con este mundo e interesoume moito, por iso comecei a resinar", conta o mozo de 26 anos, de Mourente, sobre o inicio da súa aventura.

Para experimentar sobre o aproveitamento da resina dos piñeiros e o rendemento económico que pode ofrecer aos propietarios dos montes, Santos mudouse a Tuiriz, unha aldea de Pantón, na comarca de Terra de Lemos e a provincia de Lugo. "Xunteime con outros dous colegas que tamén estaban interesados no tema, coñecéraos en diversas charlas que impartín sobre o tema e agora compartimos casa, unha casa que estaba baleira dende había dez anos e agora volve estar habitada", indica o mozo.

Xián mudouse con outros compañeiros a unha aldea de Pantón para resinar e vive nunha casa que levaba dez anos deshabitada

Xián Santos e máis os seus outros dous compañeiros venden o material que recolectan a unha empresa de Segovia que se encarga da súa distribución. Pero, para que serve a resina? "Ese material destílase para sacar aguarrás natural e outro composto denominado colofonia, que se usa para cosmética ou farmacia, ademais de para fabricar plásticos biodegradables", explica Santos. Pero, sobre todo, a resina serve para repoboar o rural e sacar rendemento aos montes. "É unha actividade que che obriga a vivir preto dos piñeiros, polo que é un xeito de repoboar as aldeas nas que agora vive pouca xente", conta o mozo, que sinala esta como unha opción de futuro para sacarlle rendemento ao monte á vez que este se mantén limpo de maleza, evitando os temidos incendios na época máis seca.

De feito, Santos traballa maioritariamente en terreos pertencentes a comunidades de montes da zona, xa que o terreo de monte privado en Galicia, co minifundismo como característica determinante, supón máis dificultades á hora de extraer a resina. Xunto aos seus outros dous compañeiros, o de Mourente explota actualmente unha extensión de 16 hectáreas que en dous anos se vai cortar para repoboar a zona con castiñeiros. "Esta é unha actividade compatible coa tala para a madeira, de xeito que se poden aproveitar os piñeiros dende que teñen un diámetro de 25 centímetros ata que cumpren os 12 anos, cando se adoitan talar", explica o mozo.

Explota unha extensión de 16 hectáreas de monte de piñeiros que pertencen a comunidades de montes da zona

Deste xeito, aínda que a área na que traballen agora vaia ser substituída por castiñeiros, contan con outras 200 hectáreas de piñeiros a menos de tres quilómetros que tamén están dispoñibles para a súa explotación, xa que esta é a única especie arbórea da que se pode aproveitar a resina. "Adaptámonos aos tempos das talas para poder aproveitar plantacións mentres non se talan", conta o mozo.

A campaña para a extracción da resina ten unha duración anual e repítese de xeito cíclico, de xeito que no mes de febreiro se realizan uns determinados cortes na codia do piñeiro, en marzo colócanse unhas chapas metálicas para dirixir a resina cara a un recipiente e en maio comeza o proceso de resinación propiamente dito, durante o cal se realizan cortes na codia das árbores cada doce días. A resina extráese no mes de outubro. Un piñeiro pode producir entre dous e medio e tres quilos deste produto ao ano. O prezo deste produto por quilo oscila arredor dos dous euros.

"É unha actividade que dá rendemento, unha persoa pode abarcar ata 5.000 piñeiros, pero pódese compatibilizar con outras cousas, como o cultivo dunha horta para o autoconsumo", explica.

Un oficio pouco frecuente en Galicia
Xián Santos e máis outra decea de persoas son os únicos resineiros de toda Galicia. "É unha actividade que nunca tivo moita implantación aquí, aínda que houbo intentos de facelo", apunta o mozo.

Hai xa anos, nas décadas dos 50 e 60, producíronse experimentos para implantar a resinación nos piñeirais galegos sen acadar éxito.

Esta actividade pronto foi abandonada. Os mozos que a recuperan agora, vencellados a estudos para a xestión do monte, tramitan xa a creación dunha asociación de resineiros galegos para difundir este negocio entre as comunidades de montes.

Comentarios