Viernes. 14.12.2018 |
El tiempo
Viernes. 14.12.2018
El tiempo

Restos do horror nazi buscan dono

Efectos persoais dun preso polaco que foron devoltos á súa familia. ITS
Efectos persoais dun preso polaco que foron devoltos á súa familia. ITS

XEVE ► Alemaña busca ás familias de presos do nazismo para devolverlles efectos persoais. Entre os nomes aparece o de Manuel Pérez Taboada, supostamente da parroquia pontevedresa de Xeve, que deixou nun campo de concentración nazi dous aneis e algún documento. O Concello quere atopar as súas orixes e as doutros presos dos nazis para homenaxealos.

NUNCA SE FALOU de Manuel Pérez Taboada. O seu nome perdeuse entre os millóns de presos e mortos polo horror nazi ata que apareceu nunha das listas elaboradas polo International Tracing Service (ITS), un organismo alemán que recolle unha ampla base de datos de vítimas do nazismo. O nome de Manuel Pérez Taboada aparece entre as persoas de orixe español das que se atoparon efectos personais nos campos de concentración. O ITS busca agora ás familias deses presos para devolverlles os obxectos que deixaron nos campos nazis. No lugar de procedencia da ficha de Taboada, identificado como preso español, aparece o nome Gève, que, segundo os investigadores, probablemente se corresponda con Xeve.

"A toda a desorde que houbo na documentación dos presos que chegaban aos campos de concentración nazis hai outro problema engadido, que os nomes dos lugares de procedencia e mesmo os apelidos están mal anotados", explica o historiador Xosé Álvarez Castro, que traballa na procura da orixe de Manuel Pérez Taboada e máis outros presos do nazismo de orixe pontevedresa. "Confío en poder ter máis datos deste home en cuestión de semanas, pero hai información que apunta a que podería ser do lugar de Frieiro, en Xeve", explica o historiador.

En concreto, Alemaña custodia dous aneis e máis algunha documentación pertencente a este preso, que na listaxe oficial da web do ITS aparece como Emanuel Pérez, nacido o 19 de agosto de 1917. Non queda claro en que campo de concentración estivo preso nin como chegou ata alí.

DA FRONTE A MAUTHAUSEN. Porén, existe un patrón común entre os presos españois que chegaron a campos nazis, tal e como explica Xosé Álvarez Castro. "Normalmente son persoas que loitaron no Exército republicano contra Franco e, ao perder a guerra, pasaron a Francia para participar na resistencia", conta. Foi alí onde foron capturados polo Exército nazi e destinados a campos de concentración. "Os españois tiñan un distintivo propio, un triángulo invertido coa letra s no interior", explica. A maioría dos presos españois foron destinados a Mauthausen e a Gusen, un campo de traballo vencellado ao primeiro.

Aínda así, os españois de Mauthausen contaban cunha rede de apoio entre eles que lles facilitaba a vida, dentro das difíciles circunstancias de estar nun campo de concentración. "Había un sistema de capataces que se encargaban de organizar aos presos españois para beneficialos. Todo isto estaba coordinado polo Partido Comunista Español. De feito, cando chegaron os americanos a liberar o campo foron recibidos con pancartas en español", apunta Álvarez Castro. Aínda así, como ocorre nas situacións máis extremas, ademais de amosar o lado bo das persoas, tamén queda en evidencia o malo. "Había capataces que tamén abusaban, pero en xeral, trataban de velar polos outros presos españois", conta.

Entre a lista de persoas cuxos efectos persoais se conservan en Alemaña aparece algún outro nome galego. Un dos presos dos que se teñen máis datos é Emilio Rodríguez, natural da Coruña, que, entre outras cousas, deixou no campo de Buchenwald varios papeis, como unha factura dunha tenda de tecidos de Madrid ou un billete de tren, ademais doutros documentos que, aparentemente, foron atopados nunha carteira.

A falta de confirmar máis detalles das orixes de Manuel Pérez Taboada, o historiador Xosé Álvarez Castro ten coñecemento de alomenos outros tres pontevedreses que estiveron presos en Mauthausen. Son Urbano Sanmartín, Manuel Coto e Claudio Tizón. "Estes tres homes témolos perfectamente documentados", explica Álvarez Castro, que indica que se sabe o día que morreron e o seu número de prisioneiro. "Agora apareceron algúns novos que non estaban nos listados que estabamos manexando", conta. Deste xeito, o historiador apunta que hai moi poucas persoas que investigan a identidade e as biografías das persoas presas nos campos de concentración nazis.

Entre os nomes pontevedreses cuxa orixe está pendente de confirmar está o de Antonio Gómez Torres, falecido en Gusen. Por outra parte, "teño datos dun home chamado Macario Cortegoso, que podería ter nacido en Pontevedra pero logo aparece localizado pola zona de Cataluña, onde debeu de vivir emigrado", explica Álvarez Castro.

O Concello de Pontevedra quere atopar máis datos sobre as biografías das vítimas do horror nazi para celebrar unha homenaxe na súa memoria. Neste sentido, agradece a colaboración da veciñanza que poida achegar datos sobre as vidas dos que padeceron o horror do nazismo.

Anel

Sábese que Manuel Pérez Taboada deixou no campo de concentración no que estivo preso dous aneis e algúns documentos. Entre os milleiros de vítimas rexistradas nas bases do ITS aparece Manuel Pérez, cuxos datos coinciden cos de Manuel Pérez Taboada, propietario de dous aneis, un dos cales pódese ver sobre estas liñas e dunha serie de documentos. Antes de facer a entrega ás familias, estas teñen que verificar o seu vínculo co preso ante o ITS. 

Nomes para reconstruír a historia
Unha enleada de datos pouco concretos, con erros habituais na transcrición de topónimos e nomes propios. A todo isto se enfrontan os historiadores que tratan de coñecer as biografías dos que se perderon entre os terroríficos números do xenocidio. En Pontevedra é chave recuperar datos para recompoñer a historia detrás destes nomes:

Urbano Sanmartín
Naceu en Mourente o 15 de marzo de 1902. Foi deportado de Francia a Mauthausen, onde faleceu en 1941.

Claudio Tizón
Sábese que era de Pontevedra e estivo no campo de concentración de Hartheim, en Austria. Faleceu en 1942.

Manuel Soto
Era orixinario de Marcón. Morreu en Gusen en 1942.

Antonio Gómez Torres
Faleceu en Gusen.

Macario Cortegoso
Sospéitase que naceu en Pontevedra e emigrou a Cataluña antes de ser detido polos nazis.

Manuel Pérez Taboada
Aparece nunha das listas do ITS como vítima de Gève.

 

Restos do horror nazi buscan dono
Comentarios