Os restos medievais de Santa Clara revelan que as monxas podían padecer anorexia

As antropólogas Olalla López e Clara Veiga fixeron unha comparativa coas características das necrópoles da Pontevedra medieval
Trabajos de echumación de los restos mortales de las monjas del cementerio de Santa Clara. DP
photo_camera Trabajos de echumación de los restos mortales de las monjas del cementerio de Santa Clara. DP

Os restos de Santa Clara revelan que as monxas padecían dos ósos por axeonllarse e probablemente eran anoréxicas entre os séculos XVI e XVII. Son algunhas das conclusións que se puxeron este xoves de manifesto na charla sobre a inhumación dos corpos das clarisas. A conferencia correu a cargo da doutora Olalla López e a antropóloga Clara Veiga sacou á luz detalles sobre o estilo de vida, a alimentación ou as doenzas na congregación das clarisas.

Entre outras curiosidades, destacaron que as irmás tiñan problemas nos ósos por pasar moito tempo a rezar, que apenas tiñan caries ou perdas dentais, que eran mulleres máis pequenas que a media, e que incluso podían sufrir de anorexia, cuestión que se vai estudiar máis en fondura porque xa se ten detectado noutras ordes relixiosas semellantes.

As dúas expertas facilitaron datos dende o punto de vista antropolóxico baixo o título A vida a través da morte. Aproximación ao estudo das individuais recuperadas no convento de Santa Clara. Clara Veiga, responsable do traballo de campo, explicou os traballos realizados no terreo e sinalou que se atoparon no convento un total de 40 enterramentos, dos que se escavaron 24, nos que se atoparon restos de 19 persoas.

Por zonas, na portería acháronse cinco enterramentos e escaváronse catro, sen atopar restos óseos pero si madeiras dos ataúdes; na zona do bosque acháronse cinco enterramentos e escaváronse tres, non achando máis que un fémur esquerdo dunha persoa e dous cravos con madeira pegada que levan á hipótese de pertencer a un cadaleito; e finalmente o Claustro, o sitio con máis enterramentos (30), onde se realizaron 17 escavacións en 12 tumbas e onde se tivo coñecemento de 19 individuos.

Orientación dos corpos

Veiga explicou o significado de como apareceron os corpos. Todos os enterramentos estaban realizados en orientación oeste-leste, algo moi característico dos enterramentos cristiás, en decúbito supino, estirados, e cos brazos nunha posición concreta relacionada cas persoas que pertencen a ordes relixiosas: os brazos cruzados un sobre outro sobre a barriga sen entrelazar as mans, salvo dúas excepcións).

Enfermidades

Sobre as patoloxías, Veiga explicou que destaca a presenza de facetas de crequenamento, algo que acontece ao pasar moito tempo de xeonllos ou en crequenas durante os rezos. Por outra banda, sinalou que hai individuas que presentan marcadores de idade avanzada como o engrosamento dos cranios, ou dexeneracións na columna, cóbados, cadeiras. Tamén se detectaron poucas caries e poucas perdas dentais, e algúns marcadores de estrés, por teren pasado fame ou enfermidade.

Neste sentido, nos dentes detectouse hipoplasia dental, que se produce na formación dos dentes na idade infantil cando o corpo está exposto a estrés ou enfermidade. O resultado é que queda unha liña con menos esmalte, xa que –segundo explicou a antropóloga– o corpo prioriza atender outras cousas e carga menos esmalte na dentadura.

A doutora Olalla López explicou que o traballo de laboratorio cos corpos de Santa Clara apenas leva desenvolvéndose un mes e tardará para estar completo dous ou tres anos. Entón poderase saber con exactitude a datación, a alimentación das monxas, a súa mobilidade, as súas enfermidades e outros moitos datos sobre a súa vida.

A doutora sinalou que se estudará se utilizaban certos metais para adozar os alimentos ou se facían uso deles como tratamentos médicos. Tamén salientou que nos séculos XVI e XVII había unha moda nas ordes relixiosas de vida austera e de comer pouco, facendo que as monxas sufrisen de anorexia.

A experta tamén puxo en contexto os resultados da escavación en Santa Clara en relación a outras necrópoles escavadas en definiu como unha das cidades medievais mellor conservadas.

Comentarios