La retranca y las mujeres bravas del ilustrador Luis Davila toman la Deputación

A mostra, que permanecerá aberta ata o 4 de marzo, inaugurouse o mesmo día no que se conmemora o nacemento de Castelao
Luís Davila asinando libros, na Deputación de Pontevedra
photo_camera Luís Davila asinando libros, na Deputación de Pontevedra

O mar, as leiras, as mulleres bravas do Morrazo e de toda Galicia (pero sobre todo do Morrazo), o carácter xenuinamente galego e a retranca. Moita retranca. Todos estes elementos pasaron a formar parte do Pazo Provincial este luns, tras a inauguración da exposición do ilustrador Luis Davila. A mostra permanecerá no lugar ata o 4 de marzo.

Durante o acto estiveron presentes o propio debuxante, o deputado de Cultura e Normalización Lingüística, Xosé Leal; o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, e a presidenta, Carmela Silva. Todos eles destacaron o carácter crítico do humor de Luis Davila e recordaron que o luns se cumprían anos do nacemento de Castelao. Neste sentido, Xosé Leal salientou a capacidade creadora dos galegos: "somos potencia en ilustradores". Ademais, estableceu certas similitudes entre a obra de Castelao e a do debuxante de Bueu.

O propio Davila, que aproveitou a ocasión para asinar exemplares dos seus álbums O Bichero, explicou que coas súas viñetas trata de "reflectir como somos os galegos e a nosa forma de ver a vida". Ademais, incidiu no carácter cómico pero tamén na súa intención de facer reflexionar ao seu público. Davila falou tamén das "mulleres bravas" que hai en Galicia e que serven de inspiración para os seus debuxos. "Gústame confrontar a ese perfil de muller galega con aspectos curiosos como as novas tecnoloxías e que, por exemplo, a personaxes como Lurditas se lle apareza un dron mentres traballa na leira", explicou.

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, amosou a súa admiración por Luis Davila e gabou a capacidade do debuxante para captar os detalles que retratan ao pobo galego. "Xa nos gustaría aos políticos ter esa habilidade de entender cales son as preocupacións da xente aínda que non as diga. Davila sabe facelo e sería moi útil que nós tamén chegasemos a entender así de ben como funcionamos os galegos", explicou.

Pola súa parte, Carmela Silva reivindicou a figura das mulleres galegas con iniciativa que aparece reflectida nas viñetas de Luis Davila. A presidenta da Deputación fixo referencia á retranca, "esa forma intelixente de humor que nos diferenza e nos fai únicos". Do mesmo xeito, Silva referiuse ao humor do Morrazo como fonte de inspiración dun humorista que "nos fai sorrir e reflexionar".

Comentarios