Foto Ágora, un retrato da 'sala de estar' das cidades

O I Certame de fotografía sobre o espazo público da Deputación premiou as imaxes que amosan que as persoas deben ser as "propietarias" do espazo público
Foto de familia da gala. RAFA FARIÑA
photo_camera Foto de familia da gala. RAFA FARIÑA

O ESPAZO ao aire libreo ao carón da fachada do Pazo Provincial que dá ao Parque das Palmeiras, acolleu este xoves a gala de entrega dos Premios #FotoÁgora. Alí recreouse un salón de estar dunha casa nunha metáfora: que as rúas e prazas das cidades deben ser o lugar no que a cidadanía se sinta máis cómoda

Os premios recaeron en 17 participantes, de diferentes concellos  da provincia (Vilagarcía, Pontevedra, Vilanova, O Grove, Ponte Caldelas, Moaña, e Marín), salvo un que chegou a un veciño da Coruña e outro que marchou para Madrid. Entre os espazos fotografados destacando en número ubicacións as comarcas do Salnés, Pontevedra e Caldas, así como Mondariz ou Moaña. 

Tal e como explicou o xurado, as imaxes premiadas "recolleron perfectamente os dez principios da Rede Ágora de maneira visual e atractiva", facendo que as mensaxes que defende a Deputación de recuperar os espazos públicos públicos para as persoas fronte aos vehículos sexan "claramente identificadas por calquera que as vexa", engadiu. 

O primeiro premio foi para Víctor Manuel Lorenzo Santiago, un entusiasta da fotografía do concello de Marín. A súa peza ten o título de Síntome un máis foi feita na praia do Bao, na Illa de Arousa, amosando unha persoa en cadeira de rodas diante dunha bicicleta, circulando nunha zona accesible para persoas con dificultades de mobilidade. O segundo premio foi para Francisco Javier Arcenillas Pérez, fotógrafo e editor, que presentou unha fotografía na Praza da Ferrería na que amosa a unha nena pequena xogando soa entre ducias de pombas. 

O gañador, Víctor Manuel Lorenzo. RAFA FARIÑA
O gañador, Víctor Manuel Lorenzo. RAFA FARIÑA

PRINCIPIOS ÁGORA. No caso dos Principios Ágora, entregados polo deputado Uxío Benítez, os premios foron para O espazo público é un dereito, na categoría homónima, do autor Iago Manoel Souto Lorenzo (Ponte Caldelas), que reflexa unha vista do paseo de Vilagarcía cheo de xente gozando do lugar.  O principio As persoas primeiro foi para Mónica Vila Ferreiros (Vilanova), cunha imaxe a vista de dron da Praza de Fefiñáns de Cambados, na que unha persoa está tumbada no empedrado gozando dun espazo que antes era para a circulación de vehículos. Tamén é para esta autora o premio do principio Mobilidades alternativas, que amosa a utilización da bicicleta como vía de transporte saudable, e o premio Espazos amables e de calidade, cunha fotografía tomada no Paseo de Vilaxoán cun gran espazo para a circulación peonil e tamén un carril bici.

A movilidade inclusiva é o premio que gañou Rosi Pardal Aragunde (Valga), cunha fotografía na que unha persoa en cadeira de rodas é empurrada por unha moza que vai en patíns nun carril bici. Tamén recibiu o galardón polo principio Autonomía infantil coa imaxe Pedra, papel, tesoira

O principio Espazos seguros levou o premio a Héctor Rodríguez Del Oro, cunha imaxe na Ponte do Burgo de Pontevedra baixo o título Duplicidade. Rodríguez tamén foi premiado na categoría de Actividade económica e proximidade. O galardón da categoría Hábitat saúdable foi para Gaspar Antonio González Somoza (Vilagarcía) co Punto de encontro, na que se reflexa a idea de promover espazos amables e seguros e a necesidade de fomentar unha mobilidade activa. Finalmente, o premio do principio Mobilidade sostible foi para Agustín Iglesias Otero (Lousame, A Coruña), pola imaxe En familia, sobre rodas.

Reflexo da provincia. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que "este certame de fotografía reflicte como este novo modelo que estamos a desenvolver xa logrou a concienciación da xente porque todas as persoas que fixeron estas fotografías son verdadeiros axentes dese cambio". "Todas e cada unha destas fotografías, dixo, son o reflexo dunha provincia que nos últimos sete anos viviu unha enorme transformación que mellorou a vida da xente, dun xeito particular a través da recuperación do espazo público". A presidenta fixo tamén fincapé na importancia que este feito ten tamén no eido da igualdade.    

Silva, Lores e Mosquera desfrutando da gala. RAFA FARIÑA
Silva, Lores e Mosquera desfrutando da gala. RAFA FARIÑA

O vicepresidente César Mosquera, pola súa banda, destacou a forza coa que se está a impulsar na provincia a recuperación do espazo público grazas a unha iniciativa como a Rede Ágora, que nestes momentos consta de 54 concellos nos que se aposta por centrar os deseños urbanos nas persoas con moi diferentes actuacións. Mosquera sinalou a importancia de ter valentía política para levar adiante obras que inicialmente poden non ser ben recollidas pola cidadanía, aínda que destacou que a poboación en xeral está a demandar que se recupere espazo público cada vez máis. "Este modelo é imparable", subliñou.

Pola súa banda, Uxío Benítez, subliñou que o premio de fotografía #FotoÁgora foi concibido dende o departamento de Mobilidade e Espazo Público para promover e difundir de maneira gráfica e amena a filosofía dos dez principios da Rede Ágora, baseados na filosofía de que os espazos públicos son un dereito das persoas, que deben ser o centro á hora de deseñar calquera actuación. 

O galardón pretendeu valerse da fotografía urbana, unha disciplina que concibe as vilas e cidades como ecosistemas nos que o ser humano se relaciona entre si e coa contorna, para amosar como a cidadanía fai uso dos espazos públicos de calidade cando son recuperados fronte á invasión dos automóbiles. A convocatoria foi un total éxito e presentáronse 297 imaxes.  

O tribunal dos premios estivo formado pola presidenta da Deputación –e o deputado Uxío Benítez como suplente-, a xornalista gráfica Mónica Patxot, o profesor da UVigo Jorge Lens, a xefa do servizo de Arquitectura Carmen Gómez, o asesor en Mobilidade Jesús Fole, e Lucía Pazos –funcionaria do departamento de Mobilidade- como secretaria.

Premio para Cogami
Un dos momentos máis emotivos da gala foi o peche da categoría dos accésit, na que resultou premiada María Helena Cabral Alfonso, quen resulto sér pedagoga do centro de día de Cogami en Monte Porreiro, cando foi coñecedora de que a súa proposta estaba galardonada destacou que "este premio non me corresponde, correspóndenos. Para nós, a recompensa era participar e visibilizar ás persoas con discapacidade nestes premios", engadiu, tras solicitar que o premio o recollese todo o grupo. Deste xeito, no nome do centro recolleu o premio Gonzalo García Rodríguez.

Comentarios