O Revitaliza cambiará a súa ordenanza de compostaxe local para mellorar a xestión de biorresiduos

O obxectivo é dar un "salto adiante" na xestión dos biorresiduos e acelerar o tratamento da fracción orgánica 
César Mosquera. GONZALO GARCÍA
photo_camera César Mosquera. GONZALO GARCÍA

O Plan Revitaliza vai modificar no próximo pleno da Deputación a súa ordenanza de compostaxe local para que os concellos dean un "salto adiante" na xestión dos seus biorresiduos. Así o anunciou este venres o vicepresidente, César Mosquera, quen subliñou que con esta normativa e outras medidas en marcha, preténdese acelerar o tratamento da fracción orgánica na provincia.

Esta iniciativa provincial xurde nun momento especialmente relevante no eido dos residuos en xeral, dixo Mosquera, xa que a normativa está a variar cara á implantación dun sistema de economía circular no que se fomenten a autosuficiencia, o quilómetro cero, a responsabilidade ampliada dos produtores e a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro. Por iso, e tendo en conta que as cifras de reciclaxe e reutilización están moi lonxe dos parámetros requiridos, a Deputacion busca proporcionar aos gobernos locais os instrumentos necesarios para cumplir a normativa tanto europea como estatal e galega.

O vicepresidente destacou, de feito, que "o Revitaliza está absolutamente alineado cos principios da normativa marco da UE e ca lexislación estatal e galega". 

O nacionalista quixo saír así tamén ao paso das declaracións da Xunta de Galicia en relación ao futuro financiamento dos sistemas de tratamentos de residuos por parte da Unión Europea. O Goberno galego anunciou nos días pasados que supostamente o Ministerio de Transición Ecolóxica advertira de que si apoiaría sistemas como Sogama, mais ningún tratamento mecánico biolóxico.

Mosquera, sen embargo, explicou que para a UE hai unha xerarquía de principios sobre os residuos clarísima na que primeiro vai a prevención, e logo a reutilización e reciclaxe, como partes nobles do tratamento de residuos. Despois, engadiu, están a valorización, incluída a enerxética (na que se inclúe Sogama), e a eliminación en vertedoiro: "Tanto o queimar o lixo como elimínalo en vertedoiro son as que hai que reducir", insistiu.

Mosquera subliñou que as declaración do Goberno galego veñen a afirmar un desecoñecemento profundo da situación.

Comentarios