A Illa das Esculturas converteouse este sábado nun revival gastronómico dos anos 50. Toda unha viaxe no tempo para lembrar a cociña daquela época da man do Avoa Fest. O bo tempo empurrou ós cidadáns cara ás praias polo que esta segunda edición contou con menos adeptos dos agardados.
En calquera caso, dende o mediodía, a iniciativa enmarcada en Pontevedra Capital Gastro abriron ó público numerosos postos de degustación de cociña tradicional da man de diferentes restaurantes do municipio.
Para animar o ambiente, alborada, música e animación da época, campionatos de dominó e tute por parellas, un curso para aprender a bailar "ajarrados", xogos tradicionais e unha verbena á noitiña.
O momento estrela do evento foi a chegada dun Seat 600 tuneado para a ocasión que trasladou ós concelleiros Iván Puentes e Yoya Blanco, mimetizados para a ocasión con vestimenta tradicional. Porque esa foi, precisamente, a consigna lanzada dende o Goberno local para animar a participación da xente: que acudira vestida con roupas dos anos 50. Tamén se sumou á festa o edil socialista Marcos Rey.
A feira gastronómica contou cos xogos tradicionais promovidos por diferentes asociacións de veciños da cidade, apoiadas polos rapaces da agrupación deportiva HQR!

Durante todo o día, os participantes no Avoa Fest puideron degustar ameixa á mariñeira, carne ao caldeiro, churrasco, orella, embutidos e choripán, pan e empanadas e pulpo á feira, ofrecidos por distintos establecementos de hostalería locais. O colofón chegou á noitiña, cunha verbena na que actuaron Randeeira, Chisto e Cascarillas e que contou cun reforzo de visitantes.