A rexeneración integral da Xunqueira de Alba estará lista "en tres meses"

Os traballos dividiranse en 3 etapas
Traballos de demolición do Parque da Maquinaria e Imprenta Provincial no mes de abril. DAVID FREIRE
photo_camera Traballos de demolición do Parque da Maquinaria e Imprenta Provincial no mes de abril. DAVID FREIRE

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, informou do avanzado estado das obras de demolición do Parque de Maquinaria e a Imprenta Provincial nos terreos da Xunqueira de Alba, que dará paso á rexeneración integral da primeira zona húmida de Galicia declarada Espazo Natural de Interese Local (Enil). Os traballos de demolición «están xa prácticamente rematados. Xa están demolidos os dous edificios", sinalou a presidenta, que concretou que, na actualidade, se está xa a proceder ao derribo dos elementos de urbanización e infraestruturas e únicamente quedan pendentes de retirar elementos accesorios para posteriormente, de xeito inmediato, poder sanear os terreos e proceder á rexeneración da Xunqueira. O investimento global da demolición e recuperación da Xunqueira de Alba ascende a preto de 4,5 millóns de euros e permitirá «recuperar uns 17.000 metros cadrados, dotando a Pontevedra dunha inmensa zona de espazos abertos nos que imos devolver o espazo público e medioambiental ás persoas», asegurou Silva.

Bosque mixto

A intervención na Xunqueira de Alba suporá uns traballos que se dividirán en 3 etapas: en primeiro lugar, a preparación dos firmes e pavimentos para a formación dun novo sendeiro peonil; en segundo lugar, a dotación de iluminación e mobiliario para crear zonas de esparexemento e ocio; e finalmente a plantación da cobertura vexetal nunha superficie de máis de 13.000 metros cadrados e a formación dun ‘bosque mixto’, segundo explicou a presidenta provincial. As especies vexetais foron «coidadosamente escollidas», de acordo coas directrices que marca o espazo Natural de Interese Local da Xunqueira da Gándara, e todas elas son autóctonas, segundo Carmela Silva. Plantaranse exemplares de carballo común, sobreira, freixo negro, abeleira común, salgueiro, acivro ou loureiro. Colocaranse en bosquetes. Malia que non hai unha data concreta de finalización, toda esta rexeneración espera estar lista nun prazo aproximado de «dous meses ou un máximo de tres», segundo a presidenta provincial,
Carmela Silva.

Polígono de Barro

Carmela Silva tamén informou do estado das obras do novo Parque de Maquinaria que se están a acometer en paralelo no Polígono de Barro para o traslado desta dotación, tamén en estado avanzado. “Falta nada para rematar o volume principal do novo parque, que se dividirá nun taller xeral, un anexo destinado a almacén para as brigadas, e un edificio administrativo.

Soamente quedan pendentes os acabados interiores e as instalacións. No caso das zonas de amoreamento e das marquesiñas de maquinaria e turismos, xa foron executadas a cimentación, a estrutura e a cubrición e nestes momentos estanse realizando os muros perimetrais e quedan pendentes os traballos de acabados e instalacións», sinalou a presidenta provincial.

Tamén están en execución o almacén xeral da Deputación coa zona verde de acceso e de circulacion peonil, así como o trazado de tráfico rodado que serven a todas as edificacións, e o peche perimetral da parcela.