24 de xuño de 2016. "Esta primera foto es del día en que empecé el proyecto. Está hecha desde donde pone Wikipedia que nace el río, desde el monte San Bieito en A Serra do Candán, y en ese momento todavía no había encontrado ningún rastro de agua, ningún indicio de un río futuro. Nada. Vi un conejo al que no me dio tiempo a hacerle una foto y varias lagartijas al sol".
Jaime Olmedo (Pontevedra, 1982) abriu as contas de @rio.lerez o 1 de xaneiro deste ano, nas redes sociais Facebook e Instagram, con este texto e cunha fotografía do alto da Serra do Candán. Comezaba desta maneira a compartir o seu proxecto Río Lérez, un traballo realizado fundamentalmente entre 2016 e 2017, a partir do que documentou fotograficamente todo o curso fluvial dende o nacemento ata a desembocadura. Ao longo deses dous anos fixo arredor de 5.000 fotos, que agora vai seleccionando e comparte nas redes.
"Levaba tempo con ganas de sacar adiante algún proxecto fotográfico persoal", explica o autor sobre o inicio de Río Lérez. "A idea chegoume a través do festival Novos Cinemas, que desenvolvía un obradoiro no campus universitario no que o río era o protagonista. Rescatei esta proposta e pensei en documentalo todo, dende o nacemento ata a desembocadura". En total, 62 kilómetros. "No fondo, o que hai é curiosidade. É dicir, eu xa coñecía os tramos do Lérez en Pontevedra, pero apenas nada máis. Nin sequera onde nacía. Este era tamén un proxecto de investigación sobre o río, que quería contribuír á súa descuberta e á súa posta en valor", di. "A título persoal, era unha páxina en branco para min. Acostumado a facer fotos de persoas e de movemento, tiven que reaprender a facer o meu traballo nun contexto moi diferente".
Á fotografía compartida o 1 de xaneiro fóronlle seguindo outras e algún vídeo. Todas as imaxes están completadas con textos sobre a experiencia de Olmedo ao tomalas. "El río es una excusa", escribe na do 31 de marzo de 2016. "Es una jaula con la puerta abierta, una cárcel voluntaria sin nadie donde tienes tiempo para sacarte la carrera de Derecho, hacer fotos o caminar". Reafírmase no escrito. "É que efectivamente é así, o río é unha escusa. El vertébrao todo, pero ao seu arredor caben moitas máis cousas, por exemplo, todo o que ten preto: natureza, muíños, pontes...", conta. "Incluso eu. Por iso eses textos acompañan ás imaxes, porque contan como sucederon as cousas e penso que enriquecen o proxecto. Están escritos con absoluta liberdade, case como un xogo".
A idea de Jaime Olmedo é rematar Río Lérez nas redes. E despois, de cara o ano que vén, trasladalo a unha exposición.