Sábado. 17.11.2018 |
El tiempo
Sábado. 17.11.2018
El tiempo

INSCRICIÓNS ATA O 28 DE ABRIL

Rodar con Pablo Cacheda

Anabel Gulías e Pablo Cacheda coas claquetas de promoción do curso
Anabel Gulías e Pablo Cacheda coas claquetas de promoción do curso
A Film Commission pon en marcha un curso piloto de rodaxe de traballos audiovisuais da man do creador de 'Clases de lo Social' ►"Unha das miñas obsesións é aumentar os contidos on-line de Pontevedra, que haxa máis a presenza da cidade na rede", di o director

O realizador Pablo Cacheda, creador da webserie Clases de lo Social ou da curtametraxe musical Superpunky, será o coordinador do curso de rodaxe de traballos audiovisuais Pontevedra rodando, unha actividade piloto da oficina da Film Commission da cidade, que onte presentaron o propio cineasta e a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías. "Trátase dunha primeira edición dun curso dirixido a xente con intereses no audiovisual e sen experiencia, que poderá realizar desta maneira un primeiro achegamento ao tema da man dun dos nomes propios do sector na cidade", explicou a concelleira.

O taller, de carácter gratuíto, terá 25 prazas. "Sen límite de idade, se ben esiximos unha mínima de 13 ou 14 anos e está especialmente dirixido a alumnos de institutos da cidade", explicou Cacheda. "Pero, de calquera maneira, se vén algún pai ou algunha outra persoa adulta interesada en participar será ben recibida porque do que se trata é de abrir a proposta a canta máis xente mellor".

CASA DA LUZ. A inscripción, que pode facerse na Casa da Luz, está aberta ata o 28 de abril. As sesións terán lugar en distintas xornadas ao longo da primeira quincena do mes de maio. "Agardamos que, de toda esta experiencia, saian varios traballos que contamos con presentar nun acto público antes do verán e que despois se subirán á rede", indicou o responsable do curso, que xa ten realizado outras experiencias semellantes en concellos como o de Barro e o de Santa Comba (A Coruña). "Unha das miñas obsesións ten que ver precisamente con iso, con aumentar os contidos audiovisuais on-line feitos en Pontevedra e a presenza da cidade na rede".

Segundo Cacheda, o obxectivo da actividade é suministrar ferramentas no ámbito audiovisual a rapaces da cidade, entre outras cousas, "porque me consta que nos institutos, aínda que hai interese, carecen de capacidade para facer cousas". Entre outras cousas, non existen materias específicas, segundo o realizador. O seu curso aspira a converterse nunha actividade complementaria de formación.

VIDA NA CIDADE. A vida na cidade de Pontevedra será o eixe arredor do que xire esta primeira edición de Pontevedra rodando. "É un tema moi aberto que penso que nos servirá para achegarnos practicamente a calquera tipo de xénero ou proposta". Porque Cacheda di estar aberto a todo tipo de suxestións dos participantes. "Non temos, por exemplo, por que limitarnos á ficción. Podemos facer videoclips, documentais e mesmo reportaxes. Calquera cousa na que os rapaces estean interesados. Todo ten cabida, porque a finalidade é ofrecer un primeiro achegamento ao que é a experiencia dunha rodaxe, que se coñezan as ferramentas necesarias para poder gravar unha historia".

O realizador pontevedrés contou onte que os participantes no obradoiro se dividirán por equipos de traballo e aprenderán a manexar distintos aspectos dunha rodaxe, dende a elaboración dun guión ata a organización dos distintos procesos do audiovisual ou a coordinador das persoas involucradas nunha gravación. O curso comezará cunha serie de sesións teóricas, nas que Cacheda familiarizará aos partipantes cunha serie de termos e de métodos de traballo, para despois comezar a gravar pola cidade.

Rodar con Pablo Cacheda
Comentarios