miércoles. 08.04.2020 |
El tiempo
miércoles. 08.04.2020
El tiempo

Rodrigo Cota presenta 'Pontevedrando': "Temos uns empresarios para presumir"

Cota, xunto a Gulías e Lores, na presentación de 'Pontevedrando'. RAFA FARIÑA
Cota, xunto a Gulías e Lores, na presentación de 'Pontevedrando'. RAFA FARIÑA

O libro recompila arredor de 40 artigos publicados por Diario de Pontevedra no último ano e medio nos que o colaborador retrata co seu particular estilo algunhas das empresas máis singulares da cidade

«Pontevedra é unha cidade viva, dinámica, que ten moito que ofrecer. O Concello de Pontevedra quixo visibilizar todo ese talento e esa creatividade, óptima para contribuír ao crecemento da cidade, unha das máis dinámicas de Galicia». Así explicou a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, o obxectivo co que naceu "Pontevedrando", o libro que vén de publicar Rodrigo Cota e que foi presentado onte no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra nun acto que tamén contou coa participación do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

O volume recompila arredor de 40 artigos publicados por Diario de Pontevedra no último ano e medio, nos que Cota retrata co seu particular estilo algunhas das empresas máis singulares de Pontevedra. «Tratábase de buscar aquelas que tiveran algo distinto a todas as demais, algo destacable, ben por antigas, por modernas, por estar facendo algo en Pontevedra que adoita facerse fóra...», explicou Cota ante as numerosas persoas que se deron cita no Sexto, entre as que, ademais dalgúns dos protagonistas dos artigos, tamén figuraban representantes da política local e mesmo nacional como Ana Pastor.

Entre as empresas incluídas en "Pontevedrando" figuran bares como El Patio, por ser un local onde os nenos e as nenas son os protagonistas, ou Orly, «por levar 50 anos ou máis mantendo as mesmas receitas», subliñou Cota. Tamén forman parte do libro A Moda Dabaixo, un establecemento «tan ben deseñado que leva toda a vida e aí vai estar cando acabe o mundo»; TokApp, unha empresa que desenvolve e vende aplicacións informáticas e que é xa un referente mundial, ou Cristalería Pontevedresa, fundada hai 60 anos e cuxos produtos están hoxe en autobuses que circulan por todo o mundo ou en edificios de calquera cidade.

«Son moitísimas as empresas que por moitos motivos son reseñables», destacou o autor de "Pontevedrando", ao tempo que lamentou, «porque me doe, que para facer un discurso político se utilice a toda a xente que está traballando arreo e creando emprego. Temos que presumir do noso comercio e dos nosos empresarios e temos que promocionalos -subliñou-. Todos cos que falei son moi boa xente e merecen un recoñecemento polo que teñen que loitar cada día para montar as súas empresas, empresas respectuosas co medio ambiente e cos traballadores, empresas que fan cidade».

Neste punto mencionou ao cirurxián plástico Diego Murillo, incluído no libro e presente no acto, do que dixo que malia non ser «o maior defensor do modelo de cidade, podería estar operando en calquera cidade do mundo e está aquí. Iso é construír cidade». «Temos que presumir de toda esta xente e de moitos máis que non están neste libro -insistiu-. Temos uns comercios e uns empresarios para presumir deles. Nunca para dicir que son unha merda. Ademais de que non é certo, non é ético usalos para gañar catro ou cinco votos».

Respecto ao modelo de cidade, do que, precisou, nunca lles falou aos empresarios entrevistados («cando falaron del fixérono voluntariamente», remarcou), Cota puxo como exemplo a rehabilitación da Rúa Virxe do Camiño. «Neste mes e medio que pasou desde que se inaugurou xeráronse 10 ou 15 postos de traballo, abríronse un ou dous comercios... A zona colleu unha vida que non tivera en anos», afirmou. «Hai dez anos que tiña que estar feita esa obra», bromeou dirixíndose ao alcalde.

LORES Lores, pola súa banda, fixo fincapé no obxectivo do libro: «Visibilizar a existencia de empresas e comercios. Empresas que teñen que ver con certos sectores, creativas, con capacidade de internalización... e que, polas razóns que sexan, pasan desapercibidas na cidade. Trátase de visibilizar iso e elevar a autoestima dos pontevedreses», sentenciou.

Lores insistiu tamén en que en "Pontevedrando" non están todas as que son. «Faltan moitas máis empresas que son un exemplo» e citou, entre outras, a zapatería Krack ou Carlos Conde Peluqueros.

Respecto ás que si figuran no libro, comentou que hai «empresas de dous traballadores, de dez, vinte e ata de 300, como Arnoia, que tamén é pontevedresa e é a segunda distribuidora de libros do Estado. É importante que a xente saiba todo iso», sinalou.

«Agora mesmo 42.000 persoas traballan no concello de Pontevedra, moitas na administración pública, en segundo lugar no comercio, pero moitos tamén nestas empresas novedosas que moitas están conseguindo internacionalizarse. Hai un tecido empresarial que non está nos medios de comunicación e era de obrigado cumprimento sacalo á luz», resaltou Fernández Lores ao tempo que felicitou ao autor e o emprazou, xunto co Diario, á posta en marcha dun «segundo, terceiro ou cuarto» volume de "Pontevedrando".

Rodrigo Cota presenta 'Pontevedrando': "Temos uns empresarios para...
Comentarios