Roque saúda aos bebés e nenos de Pontevedra

A terceira edición de Núbebes trae consigo un aumento no número de funcións para intentar darlle cabida ao maior número de espectadores posibles. As actividades continuarán nas próximas dúas fins de semana
Unha edición anterior de Núbebes. DP
photo_camera Momento do espectáculo inaugural do Festival das Núbebes no Teatro Principal, protagonizado polo personaxe de Baobab chamado Roque

Roque deulle a benvida aos nenos. O personaxe da compañía de teatro Baobab foi o encargado de recibir este venres, no Teatro Principal, aos bebés e os cativiños que enchían o patio de butacas. Eles son o público específico ao que vai dirixido o Festival das Núbebes e por iso tamén subiron rapidamente ao escenario. Tiñan que ser protagonistas de verdade.

A terceira edición do evento quedou inaugurada cun espectáculo no que, ademais de Roque, participaron Beatriz Campos, ‘La Flauta Mágica’ e Marcelo Dobode, e que mesturaba teatro, monicreques, contos e música. Tamén participou a concelleira de Benestar Social, Carme Fouces, e puido verse un vídeo resumo do festival do ano pasado.

Dende este momento e durante dúas fins de semana consecutivas, a programación deste festival para bebés ocupará distintos espazos de Pontevedra: o Principal, a Casa Azul e a Casa das Campás fundamentalmente. Migallas, Arantza Alfaia, Titereficciós, ‘La Flauta Mágica’, Ana Seoane, Sara Rodríguez, Caramuxo, Sonia Carbón, L’arpeiras, Pavís Pavós, Tetameiga, María Fumaça e Begoña Paz son algúns dos protagonistas dun ciclo que nas súas edicións anteriores non deu atendido a demanda do público e que este ano ampliou o número de funcións para intentar darlle cabida a máis espectadores.

Teatro, contos, danza e ata unha guerra de almofadas compoñen a programación, que tamén inclúe obradoiros dirixidos a profesionais do eido infantil.

A programación completa do festival, así como os horarios e as normas de recollida de entradas, poden consultarse en www.pontevedra.eu/cultura.