Rosario Álvarez: "A cultura galega non se pode medir só en termos de lingua"

"Eu sigo exercendo de pontevedresa", di a nova presidenta do Consello da Cultura Galega. Rosario Álvarez, é a primeira muller que se poná fronte da institución creada en 1983 para dinamizar a cultura de Galicia

Rosario Álvarez, nova presidenta do Consello da Cultura Galega. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Rosario Álvarez, nova presidenta do Consello da Cultura Galega. PEPE FERRÍN (AGN)

"Estes primeiros momentos no cargo están sendo moi gratos. Síntome moi apoiada. Pero os problemas acabarán chegando e haberá que facerlles fronte. Así adoita acontecer. Polo momento, non lles demos tempo a aparecer», comenta Rosario Álvarez (Pontevedra, 1952) por teléfono dende o seu despacho no Pazo de Raxoi, en Santiago. Alí está a sede do Consello da Cultura Galega (CCG), a institución que pasou a presidir dende esta mesma semana, cando tomou posesión do cargo ofi cialmente. Catedrática de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela, Álvarez foi directora do Instituto da Lingua Galega (ILG) entre 2005 e 2015, e é membro da Real Academia Galega dende 2003.

Rosario Álvarez en Compostela. PEPE FERRÍN (AGN)A súa prevese que sexa o que se di unha presidencia continuista.

Naturalmente hai unha continuidade porque eu formo parte da institución dende hai moito tempo e, a maiores, formei parte da executiva de Ramón Villares nos últimos oito anos. É evidente que existe un coñecemento previo importante da institución e non só iso, senón tamén unha corresponsabilidade no que se veu facendo. Neste sentido, nunca me pareceu que o CCG necesitase unha mudanza extraordinaria ou un cambio de rumbo. Se iso fose así, xa o tería posto de manifesto. É bastante evidente que, nos últimos doce anos, o CCG mudou. E mudou nun sentido positivo, de implantación social ascendente e de recoñecemento público tanto institucional como da cidadanía. Temos que pensar que esta é unha institución nova, que naceu co Estatuto de Autonomía e que, polo tanto, tamén tiña que buscar o seu espazo. Nese sentido, a xestión de Ramón Villares foi óptima. Agora, tamén é certo que, da mesma maneira que digo que existe unha continuidade, tamén digo que se inicia unha nova etapa que non vai ser unha pura inercia. Un novo período debe traducirse en novos retos, novos horizontes e novos propósitos.

"Chegou o momento de que se nos visibilice ás mulleres, no meu caos nesta presidencia. A sociedade apláudeo"

Tiña que buscar o seu sitio o CCG, di. Atopouno?

Eu diría que si.

Como institución especializada na análise? Como organismo intermediario...?

Todo iso. Aquí convén aclarar que moitas persoas, mesmo ben formadas, confunden o labor do CCG e chégano a identificar co da Consellería de Cultura. É un erro. O CCG non é o Goberno. É independente e, por lei, ten que manter a súa independencia tanto orgánica como de acción. De feito, en moitos casos o noso papel é criticar ao Goberno. As políticas públicas realízanas os que teñen poderes executivos, dende os gobernos autonómicos aos municipais. Non nós. Non é a nosa competencia nin debe aspirar a selo. O CCG é, segundo a lei que desenvolve as súas funcións, un órgano que debe axudar a preservar, garantir e mellorar a cultura galega. Podería considerarse un laboratorio de ideas. Por un lado, ten que asesorar ás instancias públicas e á sociedade en xeral e, por outro, manter unha actitude prospectiva, estando atento aos indicadores sociais que permiten alertar de trazos e características non desexados de cara ao futuro. En definitiva, o noso traballo é analizar o que está a pasar e intentar anticipar o que vén para, se é preciso, corrixilo.

"O galego é galego e o portugués é portugués. Falar de estreitar lazos coa lusofonía non ten que ver co reintegracionismo"

Fala de que se inicia un novo período con novos retos. Cal diría que é o máis importante?

Un dos máis importantes vai ser conseguir chegar a todos os segmentos que compoñen o ecosistema cultural galego. Para as nosas propostas, moitas veces temos na cabeza destinatarios aos que non chegamos. E non chegamos porque ignoran cal é a actividade do CCG, se se poden achegar a ela e de que maneira. Non é sufi cientemente coñecido o noso labor. Non me atrevería a dicir que é o reto máis importante ao que nos enfrontamos, pero é un deles seguro, porque lle resta rendibilidade ao noso esforzo, ao noso traballo e ao investimento público que consumimos.

É a primeira muller que preside o CCG. Que relevancia ten para vostede este dato?

Doulle relevancia no sentido de que comeza a non ser unha excepción, de que é unha situación normal que a sociedade aplaude e integra como algo completamente natural. Isto é o importante. Eu son consciente de que cando algúns compañeiros do plenario e da executiva anterior me animaron a dar este paso valoraban o feito de que fose unha muller. Tal e como lles dixen a eles: agardo que non sexa o único trazo nin o máis importante a ter en conta. Algo máis verían. Pero non renego desa condición feminina. Chegou o momento de que se nos visibilice, no meu caso na presidencia. É, ademais, unha consecuencia lóxica nunha institución que leva traballando dende hai moitos anos na visibilización das mulleres. No CCG existe unha Comisión de Igualdade dende hai 15 anos. Seguindo esta liña, o natural é que chegado o momento a presidencia a ocupase unha muller.

"As reunións da Xunta co sector para elaborar unha estratexia cultural son positivas. Hai que coñecer a realidade para poder actuar"

Precisamente o Observatorio da Cultura sinalaba como un dos problemas do noso sector cultural nun dos seus últimos informes, ‘Diagnose da cultura galega. Datos para unha estratexia cultural no século XXI’, deste mesmo ano, a minoría de mulleres que hai ocupando altos cargos.

Si. É unha realidade que refl icte o que ocorre no conxunto da sociedade. Pasa no sector cultural, nas universidades, na política, nas empresas... Pero vaise camiñando. E o máis importante é que a sociedade non só non rexeita ese avance senón que o aplaude.

Tomou posesión cun discurso no que apostaba por estreitar relacións co mundo lusófono. Pódese entender como unha chiscadela ao reintegracionismo?

Non, en absoluto. O galego é unha lingua moi similar ao portugués na medida en que proceden do mesmo tronco. Eu non considero que o galego sexa portugués nin que se teña que reintegrar con el. Considero que o galego é galego e que o portugués é portugués. Son catedrática dos dous idiomas e teño moi boa relación co mundo universitario portugués e co brasileiro, formo parte de equipos mixtos... Pero nin eles consideran que eu teña que modificar o meu galego para que se semelle ao seu idioma nin ao revés. Eles respéctanme como galegofalante e eu a eles como falantes do portugués. Ao que me refería é a que hai que estreitar relacións no sentido de que, primeiro que nada, eles teñen que saber que nós existimos e que estamos aquí. Porque moitos non o saben. E, da mesma maneira, os galegos temos que saber que existe esa outra lingua irmá que nos abre unha porta ao mundo. É necesaria unha maior interconexión, pero sen que eu teña que disfrazarme de falante de portugués nin eles de falantes de galego. Cada un é o que é. Ao que temos que aspirar é a que nos tratemos como iguais, como pares. Non hai necesidade  ningunha de travestir o galego para parecerse ao que non é.

A cuestión da lingua segue a ser clave na cultura galega e motivo de confrontación política. O pasado 17 de maio volveron saír á rúa milleiros de persoas convocadas pola plataforma Queremos Galego, que denuncia que o galego é a única lingua do Estado que perde falantes.  O conselleiro de Cultura respondía referíndose a ese tipo de afi rmacións como "mensaxes catastrofistas" e asegurando que o idioma gozaba do máximo nivel de competencia e de coñecemento da historia por parte da poboación.

Son certas tanto unha cousa como a outra. É certo que o nivel de coñecemento neste momento é moi alto. A xente de maior idade xa tiña como lingua súa o galego, xa o falaba e xa lle fora transmitido. A xente máis nova, á que en moi tos casos non lle foi transmitido por razóns que os seus pais e os seus mestres terían que explicar, coñéceo porque o tivo que estudar. Así que a uns chegou por transmisión, por implicación social, porque estaban nun medio que era galegófono e, por tanto, aprendérono de xeito natural na casa ou na rúa, e aos outros porque o aprenderon na escola dentro dun programa educativo que practicamente cobre a toda a poboación. Por tanto, o nivel de coñecemento é efectivamente moi alto. Iso ninguén o discute. O problema é outro: por que, se os cidadáns o coñecen, non o usan? Esa é a pregunta que hai que responder. Unha cousa é que houbese unha perda de transmisión xeracional moi repentina a finais do século XX que fi xo que a liña de instalación do galego decrecese de maneira alarmante para os nacidos nas últimas décadas e outra cousa distinta é medir se a poboación coñece ou non coñece a lingua. Son parámetros diferentes. Non se poden relacionar.

"A barreira, moitas veces, non está en Galicia senón nas grandes corporacións que coartan as culturas minoritarias"

O da conservación da lingua sería o reto máis inmediato ao que se enfronta a cultura galega?

É un reto moi importante. Pero eu insisto sempre en que a cultura galega non se pode medir só en termos de lingua. A cultura galega é a danza, é a arquitectura, é a ciencia... É moito máis. Aínda que, por suposto, hai unha parte da cultura galega que só se explica a través da lingua galega.

Dende o sector cultural víñaselle reclamando dende hai tempo á Administración un plan estratéxico para a cultura galega que atallase problemas de planificación e comunicación e evitase duplicidades, entre outras cousas. A Xunta está a manter agora mesmo reunións con distintos representantes da cultura para elaborar esa liña estratéxica. É vostede optimista en canto ao seu resultado?

Eu, en calquera caso, o que podo estar é esperanzada. Nós contribuímos a ese debate coa elaboración do documento ‘Diagnose da cultura galega’, que se realizou a instancias da propia Xunta de Galicia, que pediu que se lle fixese un informe neste sentido e nós optamos por facer este traballo que destacaba puntos fortes e puntos fracos, e que contiña ademais unhas propostas de acción que considerabamos absolutamente prioritarias. A Xunta está a facer agora esta serie de reunións sectoriais e eu penso que todo o que contribúa a que os que teñen que deseñar a política pública estean o máis informados posible é positivo. Porque o que está claro é que, sen coñecer ben a realidade, dificilmente se pode facer unha diagnose correcta e, polo tanto, deseñar unha terapia.

"Limito a miña presenza nas redes:funciono nun plano real"

Outra cuestión que tratou no seu discurso de toma de posesión foi o das novas tecnoloxías. O mesmo informe ‘Diagnose da cultura galega’ facía fincapé en afrontar o reto dixital e na escasa presenza da cultura galega neste espazo.

Sen dúbida. É obvio o interese que ten demostrado a institución por facer este camiño. Precisamente, as novas tecnoloxías son o que nos vai permitir superar moitos dos retos que ten o CCG. Hai que chegar a novos públicos, ao conxunto da poboación galega, con independencia de onde viva e da idade que teña, hai que idear novos formatos, novos recursos... Pero tamén hai que chegar aos galegos e aos non galegos que están en Nova York e en Singapur. Todo iso só o podemos facer a través das novas tecnoloxías. Vai ser algo fundamental para o CCG, pero tamén para o conxunto da sociedade. Estamos a traballar precisamente en facer unha diagnose deste tema: que é o que pasa, como se pode mellorar, como pode estar o galego máis presente, como pode romper coas barreiras que se lle impoñen dende fóra. Porque a barreira non está en Galicia, na nosa capacidade creadora dentro das novas tecnoloxías, senón que ten que ver moitas veces coas limitacións das grandes corporacións á difusión das culturas minoritarias.

Entón non é que non nos saibamos vender?

Non, tamén é certo que non sabemos vendernos. Unha cousa é que non saibamos traballar, iso facémolo ben. O que pasa é que ás veces non sabemos vender o produto. Iso esixe unha refl exión, unha profesionalización, a elaboración dunha serie de recursos que proporcionar ás persoas que son capaces de crear, pero quizais non de chegar a ter as ferramentas necesarias para trasladar o que fan.

Falando da importancia das novas tecnoloxías e das novas formas de comunicación, vostede non está en ningunha rede social. Nin Facebook, nin Twitter...

Limítome. Non quero que a actividade me acabe de sobrepasar. Teño a miña propia rede familiar e de amizades, por un lado, e de traballo e de investigación, por outro. Limito a miña presenza noutro tipo de redes. Pódese dicir que funciono nun plano menos virtual e máis real. 

Comentarios