Rosario Álvarez: "Nunca pensei en recibir unha honra coma esta"

"Pontevedra é boa vila e tamén é xenerosa", di Rosario Álvarez sobre a decisión do xurado dos Premios Pontevedreses que decidiu concederlle o recoñecemento de honra dos galardóns. Recibirao uns días despois de ser reelixida presidenta do Consello da Cultura Galega.
A pontevedresa Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega. DP
photo_camera A pontevedresa Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega. DP

CONVERTEUSE hai catro anos na primeira muller que presidía o Consello da Cultura Galega. Este xoves, Rosario Álvarez (Pontevedra, 1952) foi reelixida para o cargo. Catedrática de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega, o xurado dos Premios Pontevedreses concedeulle o seu recoñecemento de honra.

Como recibe ese premio?
Podes imaxinar. Para que logo digan que unha non é profeta na súa terra. Eu xa só tiña palabras de agradecemento para Pontevedra, porque son moi consciente do moito que lle debo, pero cada vez que chega dende aí un cariño tan grande como este supón unha satisfacción moi grande. Cando me chamaron para informarme de que recibía o premio non daba crédito. Nunca pensei nunha honra coma esta. Estou moi agradecida. Pontevedra é boa vila e tamén é xenerosa.

Recollerá o premio de Diario de Pontevedra uns días despois de ser reelixida, por segunda e última vez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG). Como enfronta esta nova etapa á fronte da institución?
Con moita ilusión. Sería diferente se os catro anos anteriores non fosen satisfatorios. Pero fórono, a pesar da crise provocada pola pandemia, que resultou durísima para moita xente e non digamos para o sector da cultura. Por outra parte, a nivel interno, é moi de agradecer o apoio do propio plenario e do conxunto da institución, tan firme e sen fi suras. É un estímulo impagable. Tamén unha responsabilidade. A min, neste momento, non me faltan nin azos nin ilusión para enfrontar os próximos catro anos.

Que destacaría da súa xestión? De que está especialmente orgullosa?
Eu salientaría, non tanto o máis visible dende fóra, como poden ser as nosas liñas de traballo, a cantidade de actividades presenciais que fixemos a pesar da pandemia ou o pulo que cobrou a nosa actividade a través de internet, como a nosa gran vontade en contribuír á cohesión do sistema cultural galego. Empeñámonos en contar con todo o territorio, saír fóra de Santiago e do Eixo Atlántico, estar presentes en vilas máis pequenas e mesmo en lugares que nin sequera chegan a ter a condición de vila. Da mesma maneira tamén quixemos, ademais de traballar coas administracións habituais, ir a colectivos e á cultura de base.

Porque si que existe unha alta concentración da programación cultural arredor das sete cidades galegas e unha certa exclusión do resto do territorio?
Iso pasa. Por un lado, hai unha concentración no Eixo Atlántico, que ten unha explicación. E por outro, nos espazos máis urbanizados, que tamén ten a súa razón. Necesitamos romper esa dinámica. Galicia ten unha configuración territorial moi particular e unha dispersión da poboación que fai que non teñamos grandes urbes senón moitas vilas pequenas e unha desagregación polo territorio. Debemos atender a isto. Nós particularmente, dende o CCG, temos que reivindicar continuamente que a cultura é un dereito. Tanto a creación como o desfrute da cultura. E ten que chegar a toda a poboación con independencia da idade, de se se habita nun ámbito rural ou urbano, de se se vive no Eixo Atlántico ou nas dúas provincias do interior e de calquera outro factor que poida crear desigualdade.

En Galicia non existe un problema de acceso á cultura relacionado cunha cuestión económica. O problema que temos é que a cultura non se leva a tantos lugares como se debera levar

Con independencia tamén do nivel económico? Acostuma a reclamarse dende o ámbito cultural que o acceso aos actos non sexa de balde para que non penetre esa idea de que a cultura é gratis.
En Galicia o problema non é tanto que se cobre ou non se cobre. Nas últimas prospeccións que nós fixemos neste sentido, aprezábase que na maior parte dos actos culturais cóbrase pouco ou nada. De feito, como dis, dende algúns sectores da cultura reclámase que se cobre polo menos unha cantidade simbólica para que non pareza que a cultura é gratuíta e que os propios creadores non teñen dereito a cobrar e a vivir dela. Porque cando se chama a un fontaneiro a ninguén se lle ocorre dicirlle que faga o traballo gratis porque é polo ben común. En cambio, cando se chama a un creador si que se fai. En Galicia non existe un problema de acceso á cultura porque esixa grandes desembolsos económicos. O problema está, máis ben, en que non se leva a tantos lugares como se debera levar.

Dende o CCG fálase moito de crear espazos de confluencia. Hai moitos francotiradores no noso sector cultural?
Necesítase unha maior articulación. Antes referíame á ordenación do noso territorio, un aspecto clave. Ollo, o sector cultural galego supón o 3,8% do emprego. Pero, en xeral, está conformado por empresas pequenas, moitas veces mesmo unipersoais. Non estou dicindo que teña que pasar a recaer en empresas grandes, senón en que conviría cohesionar un pouco máis o que hai. Para facelo hai distintas vías. De entrada, crear redes, que non impiden que cada elemento teña a súa propia particularidade, autonomía e criterio, pero que outorgan unha fortaleza de conxunto.

Cando asumiu a presidencia do CCG hai catro anos destacaba dous grandes retos: a recuperación de falantes e o desafío dixital. Como están hoxe as dúas cuesións?
A misión do CCG é estudar os problemas, analizalos e facer achegas. Non nos compete nin a acción de goberno nin a execución das políticas. Nós o noso traballo fixémolo. Puxemos o acento na situación da lingua e, sobre todo, nesa perda de falantes que se produce nas idades máis temperás. Aquí destacamos que, se ben o ensino é importante e vemos carencias no decreto de plurilingüismo, que produciu efectos claramente negativos, o problema non está só aí. É necesario involucrar ás familias e á sociedade no seu conxunto. Porque isto non é só responsabilidade do ensino e non é só responsabilidade das familias. O conxunto da sociedade tense que comprometer co uso da lingua. Os espazos de lecer, a diversión, os espazos nos que sociabiliza... teñen que contribuír á galeguización. Non podemos reducir o asunto a que o ensino apande con toda a responsabilidade nin a que exista unha resistencia numantina das familias. Sobre o desafío dixital, calquera que visite a nosa web pode ver o esforzo enorme que se leva feito e a innovación que acompaña os nosos produtos.

É necesario traballar para que o noso talento e a nosa creatividade estean presentes en lugares estratéxicos da cultura global como Berlín, Londres ou Nova York

Outra cuestión na que o CCG fai fincapé é na importancia da proxección exterior da cultura. As editoriais veñen de romper a colaboración que mantiñan coa Xunta para acudir ás feiras internacionais. E séguese reclamando a creación dun Instituto Rosalía. Fai a administración todo o posible pola proxección da cultura galega?
Todo o posible non. Eu creo que se podería facer ben máis. Para empezar tería que haber un plan moito máis organizado dunha diplomacia cultural por parte da comunidade autónoma e non só. Nós asumimos o mandato da lei de "defensa e promoción dos valores culturais galegos dentro e fóra de Galicia". Centrámonos no territorio, pero temos presente a Galicia espallada polo mundo. Hai moita cultura galega e moito patrimonio cultural e simbólico fóra da Galicia territorial. Neste próximo cuadrienio imos avanzar neste sentido. Temos que traballar pola internacionalización da cultura galega e facerlle sitio, non só nas comunidadades de galegos, senón noutros ámbitos que son puramente estratéxicos como os países de lingua portuguesa; ou os atlánticos, onde somos unha potencia; ou as nazóns sen estado como Bretaña ou Gales; ou os países con goberno propio como Irlanda cos que estamos conectados. Pero tamén outros lugares estratéxicos na cultura global como Berlín, Londres ou Nova York. Temos que colocar tamén aí o noso talento e a nosa creatividade.

Comentarios