O Rotary Club e Frutas Moncho colaboran co programa municipal Porta a Porta

A entidade pontevedresa doa fondos que permirán adquirir unha tonelada de froita fresca para case 200 familias

Almacén
photo_camera Primeira carga de froita para o programa Porta a Porta. CONCELLO

Froita fresca para case 200 familias que pasan por unha situación vulnerable. É o que permite obter un crédito de compra de 1.000 euros doado por Rotary Club de Pontevedra, que permitirá obter arredor dunha tonelada de froita para o programa municipal Porta a Porta. As primeiras mazás, laranxas e plátanos saíron este xoves dos almacéns de Frutas Moncho no polígono do Vao, onde os recolleron cunha furgoneta voluntarios do programa impulsado pola Concellería de Benestar Social.

Alí estiveron tamén a edil responsable desa área, a socialista Paloma Castro, e o presidente do Rotary, Sindo López Argibay, quen subliñou a vocación da organización de "respostar ás necesidades que poidan xurdir entre os nosos veciños". "Neste caso comunicóusenos que unha das cousas que máis precisaban no programa Porta a Porta era froita e por iso decidimos facer esta doazón", explicou. Os voluntarios poderán dispoñer do crédito de 1.000 euros en Frutas Moncho en función das necesidades do día a día, dado que se trata de alimentos perecedoiros.

A edil Paloma Castro agradeceu a colaboración do Rotary e salientou a "boa resposta"  da cidadanía e as grandes empresas alimentarias de Pontevedra desde o inicio da crise sanitaria, coa que medrou a demanda de Servizos Sociais. E "por desgraza, prevemos que as necesidades van ir en aumento", subliñou. 

OUTRAS DOAZÓNS. Ademais desta axuda, o Rotary Club realizou este mércores outra doazón de 1.000 euros para os almacéns do Banco de Alimentos e entregou recentemente 40 tablets na área sanitaria para permitir que as persoas illadas se comuniquen cos seus familiares.

A entidade tamén doou 500 euros á Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e 750 á asociación Boa Vida para colaborar en
diferentes proxectos.

Comentarios