lunes. 10.08.2020 |
El tiempo
lunes. 10.08.2020
El tiempo

As rúas de Pontevedra reivindican a normalidade do galego nas En3vistas

Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística, co cartel do encontro. CECILIA D. NÓVOA
Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística, co cartel do encontro. CECILIA D. NÓVOA
Ao longo do mes de xullo, o espazo público da Boa Vila será o escenario de cinco conversas entre persoeiros das artes escénicas, a cociña, o deporte, o xornalismo e a música galega

Alberto Oubiña, o concelleiro de Normalización Lingüística, presentou este venres as En3vistas, un proxecto que "busca afrontar o prestixio da lingua e amosar que o idioma está plenamente vixente en todos os eidos da nosa vida cotiá". Así, os encontros traerán ás rúas e prazas da cidade de Pontevedra a unha pequena selección de persoeiros dos eidos da cultura, o deporte, o xornalismo ou a cociña galega, en calidade de "referentes lingüísticos" que viven o seu día a día en galego con normalidade.

A primeira das entrevistas, que se desenvolverán ao longo de todo o mes de xullo, será o vindeiro día 10 ás 18.00 horas na Praza da Peregrina, xuntando a dúas persoas relacionadas co mundo das artes: María Mera, actriz protagonista da serie O sabor das margaridas, e Genna Baamonde, figura fundamental do teatro galego e premio María Casares a Mellor Dirección por Elisa e Marcela.

O luns 13, de novo ás 18.00 horas, será a quenda na rúa Serra do chef Javier Olleros, cabeza de Culler de Pau desde 2009 e estrela Michelín desde 2012 por actualizar as raíces da cociña tradicional galega coa nova cociña, e do produtor musical Kim Martínez, fundador de Esmerarte e manager de artistas do talle de Vetusta Morla. No Parque dos Gafos terá lugar a terceira entrevista, o día 17 e xa ás 20.00 horas. Dela participarán a exconcursante de Operación Triunfo Sabela Ramil, coñecida pola súa defensa do idioma tanto no programa como por redes sociais, e a produtora musical Patricia Hermida, fundadora en 2016 da asociación Mulleres na Industria da Música. Adrián Ben, medallista europeo e unha das promesas do atletismo estatal, Diego Espiño, xornalista pontevedrés asociado ao mundo do deporte, daranse cita o luns 20, ás 20.00 horas, na avenida de Santa María.O 24 de xullo, a compositora Cora Velasco, un dos nomes fortes da escena indie actual, e Manuel DoBode, hiperartista que busca misturar tradición con modernidade nos seus traballos, servirán de peche ás entrevistas na rúa cunha conversa ás 20.00 horas na Ponte do Burgo, nun espazo acorde á festa do Santiagüiño.

#ENTRESVISTAS. Malia que estes encontros constitúan o núcleo fundamental do proxecto, o nome de En3vistas responde ás tres partes que o compoñen. Amais de cada un dos encontros físicos nas rúas, a primeira delas conformarana pequenos petiscos promocionais de cada un dos mesmos, e que se emitirán na plataforma do xornal Vinte co obxectivo de dar a coñecer o programa. Finalmente, a terceira parte consistirá na gravación e emisión en directo de cada unha das conversas. A retransmisión estará dispoñíbel para todo o mundo nas redes sociais e nas canles do Concello, mergullando o proxecto no eido da comunicación transmedia e "permitindo chegar a xente que por cuestións de capacidade non poida entrar nas En3vistas ou por cuestións de horas non se poida achegar. Desta maneira garantimos que todo o mundo vai poder desfrutar destas grandes artistas galegas", sentenciou Oubiña.

Por outra banda, para que as persoas asistentes "poidan acudir a escoitar ás persoas que habitualmente ven na televisión, nos xornais ou na radio" con total seguridade, os encontros contarán con separación entre cadeiras, xel hidroalcólico, máscaras e todas as medidas que a situación actual esixe.

Porque en tempos de normalidades novas, En3vistas nace coa intención de visibilizar aquela normalidade anterior, así como de dignificar o espazo público da cidade de Pontevedra como un lugar de pertenza colectiva, ao igual que o galego. Tal e como apuntou o concelleiro, "a lingua tamén é das persoas, dos galegos e das galegas e de todos os que, non vivindo aquí ou vindo a vivir aquí, queren sentirse galegos".

As rúas de Pontevedra reivindican a normalidade do galego nas...
Comentarios